Escoitar

A programación da Reconquista abrirase o vindeiro luns cunha conferencia do historiador Bieito Alonso

As actividades programadas para conmemorar a Reconquista de Vigo neste 2008 comezarán o vindeiro luns, 10 de marzo, cunha conferencia a cargo do historiador Bieito Alonso, segundo anunciou este luns o presidente da Asociación de Veciños do Casco Vello, Henrique Macías, tras asinar co tenente de alcalde, Santi Domínguez, un convenio para potenciar a organización da festa.

luns, 3 mar 2008
1204552623reconquista030308.jpg
Os actos programados inclúen tamén a inauguración de dúas exposicións o 13 de marzo, así como diversos concertos de música folk, sen esquecer os tradicionais postos de artesanía, que se abrirán a primeira hora do 29 de marzo, e a representación da Reconquista, o día 30 de marzo.

"A festa da Reconquista é un dos acontecementos que engloba a toda a cidade, na que todas as persoas se poden integrar, e debemos traballar para exportala", salientou o tenente de alcalde. O concelleiro de Cultura, Xesús López, indicou que o convenio deste ano experimenta un "incremento importante", ao pasar dos 51.000 euros do ano pasado aos 65.000 euros deste ano. Na súa intervención, ambos quixeron felicitar o traballo desenvolvido pola Asociación de Veciños do Casco Vello, xa que é un "traballo moi ben feito, que fomenta o feito de que os vigueses poidamos sentírnos orgullosos da nosa historia e ao mesmo tempo que a poidamos disfrutar".

O tenente de alcalde animou a cidadanía a que se involucre na festa e que participe nas diversas actividades programadas, dende a conferencia do historiador Bieito Alonso e as exposicións previstas na Casa das Artes e no Instituto Camoes ata os concertos que terán lugar os días 29 e 30 no Casco Vello e a caracterización de época o día 29 cos traxes tradicionais. Este día pola mañá abriranse os arredor de postos previstos e pola tarde celebrarase a inauguración oficial da festa, momento en que se fará unha homenaxe a Manolo e Loli, que eran uns dos activos colaboradores da asociación. Xa o domingo terá lugar a representación da defensa da cidade, na que tomarán parte arredor de 250 persoas.

Destacando a celebración deste ano como antesala para o Bicentenario, Santi Domínguez adiantou algún dos aspectos nos que xa se está a traballar para a Reconquista do 2009, na que asegurou que a Asociación do Casco Vello será a protagonista. Neste sentido afirmou que en canto rematen a festa deste ano "reunirémonos para preparar a celebración do ano que vén, para que se achegue a todos os barrios e parroquias de Vigo". Indicou que se está a traballar na organización dun amplo abano de actividades, entre as que destaca unha gran exposición que recolla a historia da cidade e a relación do pobo vigués co pobo francés, un ciclo de conferencias, así como diversas iniciativas culturais e deportivas. "O ano 2009 será moi espectacular", subliñou o tenente de alcalde.

O presidente da Asociación de Veciños do Casco Vello, pola súa banda, agradeceu o apoio recibido por parte do Concello, ao asinar o convenio "con antelación suficiente para preparar a festa". Henrique Macías tamén subliñou que se trata dun dos acontecementos "máis importantes da cidade e que máis cidadás e cidadáns congrega".
Descargar todas as imaxes