Escoitar

Catro mozos de Vigo representarán a España no Campionato do Mundo de Catamaráns

A partir do 3 de marzo celebrarase na cidade sudafricana de Langebaan o Campionato do Mundo de Catamaráns, ao que acudirán, para representaren a Vigo, dous alumnos do Colexio Rosalía de Castro e outros dous do Apóstol Santiago. O tenente de alcalde, Santi Domínguez, acompañounos este venres na presentación deste evento no Concello.

venres, 29 feb 2008
1204303350catamarans290208.jpg
Os alumnos do Colexio Rosalía de Castro son Hadrián Marín Losada, de 16 anos, e Antón Núñez-Torrón, de 14, que participarán na clase "Dragón Open". En representación do Colexio Apóstol Santiago, Alejandro González Luca de Tena, de 12 anos, e Luis Bugallo Arriola, da mesma idade, competirán na clase "Dragon Júnior". Os veteranos Ignacio Botas Ratera, ferrolán residente en Vigo, e Pepe Etcheverría Rey, da Coruña, completan a representación de España no Campionato do Mundo de Catamaráns.

Todos eles pertencen á Federación Galega de Vela e adestran nas instalacións do Punto Pasión Playa, no Vao, onde se localiza a maior frota de España desta modalidade de vela lixeira. Nacho Botas e Pepe Etcheverría foron campións de Europa da clase Fox.

Os regatistas que acudirán ao Campionato do Mundo de Catamaráns teñen previsto realizar o 23 de febreiro un acto de recollida de auga da ría de Vigo, para a levaren nun recipiente ata as augas de Langebaan, onde a verterán xunto coas tripulacións dos outros países participantes. En total, serán máis de 100 as tripulacións de máis de 20 países que competirán neste evento deportivo.
Descargar todas as imaxes