Escoitar

O MARCO propón un achegamento histórico e contemporáneo ao mundo da animación

O MARCO inaugura este venres "Xeopolíticas da animación", unha mostra sobre a animación na súa vertente artística que formula dúas formas de achegamento a este xénero: una histórica, na que a modo de exemplo se inclúen traballos de autores clásicos significativos en relación co título da exposición e a temática que esta aborda, e outra xeográfica máis extensa, na que se ofrecen producións contemporáneas.

xoves, 28 feb 2008
1204208440kolkoz.jpg
Os traballos que configuran a mostra foron realizados por creadores de todo o mundo, que empregaron unha abundante gama de técnicas propias do cinema de animación, é dicir, da cinematografía "imaxe a imaxe", utilizando procedementos como o debuxo animado, a plastilina ou a animación dixital por ordenador.

Por inocentes que poidan parecer, especialmente no cinema de animación infantil, as representacións levan implícitas ideas respecto aos valores e á moral das culturas onde xorden, e das relacións entre estas e outras alleas. Unha das intencións que ten esta exposición, organizada como un sistema de xustaposicións de obras concretas, é precisamente ofrecer ao espectador datos para comprender e incorporar ao propio outros mundos manifestamente distintos.

A animación, ligada á industria do entretemento, estivo dende os seus inicios vinculada á difusión de modelos ideolóxicos e sistemas de comprensión do mundo. Esta exposición presenta historias animadas suficientemente evocadoras que constatan migracións de formas culturais que foron canónicas noutros tempos, e que hoxe se converteron en moeda de cambio expresivo; perversións, pois, de formas do pasado para deseñar representacións contemporáneas. Estas obras dan conta de como, a pesar das imposicións culturais extensivas na actualidade, certos fluxos de sensibilidade desacordes con ideoloxías e mitoloxías dominantes conseguen fluír e xerminar en lugares do coñecemento, fóra de controis centralizadores, utilizando, e quizais recuperando, unha técnica tan antiga e libre como a da animación.

Como marco de referencia temporal, "Xeopolíticas da animación" ofrece unha selección de autores clásicos, entre os que figuran Segundo de Chomón, Lotte Reiniger, Kenzo Masaoka ou Norman McLaren. As súas obras son o testemuño do coñecemento histórico do cinema de animación, unha manifestación artística que valeu tanto para a reflexión crítica individual, como para a difusión de propagandas ideolóxicas de todo tipo. Quizais a súa vinculación dende a orixe ás que se consideran dúas das principais riquezas da infancia (os seus segredos e os seus silencios) explique algo do seu éxito crecente.

"Xeopolíticas da animación" poderá visitarse na sala de exposición da planta baixa do MARCO ata o 1 de xuño, nos seguintes horarios: de martes a sábados (festivos incluídos) de 11.00 a 21.00 horas, e os domingos de 11.00 a 15.00 horas.

COMISARIO
Juan Antonio Álvarez Reyes

COPRODUCIÓN
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Centro Andaluz de Arte Contemporáneo

COA COLABORACIÓN DE
Filmoteca de Andalucía
Filmoteca de Catalunya
Goethe Institut, Madrid
1204208440kolkoz.jpg
1204208482gilidolev.jpg
Descargar todas as imaxes

Máis información