Escoitar

Domínguez salienta que o orzamento da Concellería de Comercio para 2008 é "o máis alto e participativo da historia"

O tenente de alcalde e concelleiro de Turismo e Comercio, Santi Domínguez, salientou este mércores que o orzamento da Concellería de Comercio do 2008 é o "máis alto e participativo da historia do Concello de Vigo". Ademais, o tenente de alcalde anunciou que inmediatamente despois das eleccións xerais manterá unha primeira reunión coas asociacións representativas do comercio e a hostelería da cidade "para chegar a acordos sobre como se investirán os orzamentos no pequeno e mediano comercio de Vigo".

mércores, 27 feb 2008
1204122421comercio270208.jpg
Santi Domínguez sinalou como novidade nos orzamentos da Concellería de Comercio para este ano 2008 que as distintas asociacións que integran aos pequenos e medianos comercios da cidade terán unha "participación activa" no xeito de xestionar os recursos. "Serán as distintas asociacións de comerciantes e representantes dos mercados os que trazarán as liñas de traballo e dirán en que se van a gastar os recursos". Entre estas asociacións, o tenente de alcalde citou a Fecovi, a Asociación de Comerciantes Zona Centro, a Asociación de Comerciantes do Casco Vello, Mercacevi e a Federación Provincial de Hostelería.

Na súa intervención, Santi Domínguez desglosou o contido das diferentes partidas nas que se dividen os 770.000 euros destinados a investimentos e medidas de promoción presentes nos orzamentos para 2008. Así, explicou que 40.000 euros se dedicarán á realización de estudos no sector do pequeno e mediano comercio; 80.000 euros destinaranse a súa dinamización; 350.000 euros figuran para investir nos mercados municipais; 200.000 dedicaranse á reforma dos postos do mercado da Pedra; e, finalmente, a 100.000 euros ascende a cantidade que se destinará a subvencionar os establecementos que cumpran os criterios de excelencia e calidade turística.

"Os distintos representantes e asociacións dirán que aspectos do pequeno e mediano comercio precisamos coñecer máis polo miúdo, que aspectos queren que dinamicemos preferentemente e que tipo de campañas queren que levemos a cabo; en que aspectos das obras que se acometan temos que incidir; e que criterios debemos seguir para xestionar as axudas correspondentes", explicou o tenente de alcalde, quen salientou que este é un "novo xeito" de xestionar os recursos, facilitando e potenciando a participación dos destinatarios dos mesmos.

Para acadar este obxectivo, o tenente de alcalde manterá reunións de periodicidade trimestral cos representantes do comercio e a hostelería. Neste sentido sinalou que a primeira delas terá lugar inmediatamente despois das vindeiras eleccións xerais do 9 de marzo, e que as seguintes servirán para dar conta de "como se gastan os os recursos e facilitar informes sobre as distintas xestións realizadas". Ademais, a última reunión do ano permitirá elaborar os orzamentos do 2009. "Deste xeito, os orzamentos do próximo exercicio serán tamén participativos e emanarán do sector ao que vaia dirixido", subliñou Santi Domínguez.

No tocante á remodelación dos postos da rúa das Ostras, o concelleiro de Comercio adiantou que na reunión que manterá cos seus representantes e os do Casco Vello exporá o proxecto existente e pediráselles que expresen as súas iniciativas. "Queremos que o resultado definitivo sexa resultado do consenso", salientou na súa intervención. Matizou ademais que a reforma que se levará a cabo ten como obxectivo solventar os problemas de filtración de augas que persisten tras as últimas obras realizadas. "Esta actuación enmárcase na dinamización do Casco Vello, e con ela queremos que este sexa un espazo que se poida utilizar durante todo o ano", indicou Santi Domínguez, quen manifestou que o orzamento máximo oscilará entre os 40.000 e 50.000 euros e que unha vez que as obras estean licitadas no mes de abril o período de execución non debería exceder os dous meses.

"Xestionar os recursos da forma máis racional posible; involucrar aos destinatarios e á cidadanía en xeral no goberno da cidade; acadar a máxima transparencia posible na xestión dos recursos cos que conta o Concello; impulsar que os diferentes sectores comecen a pensar en clave de cidade á hora de desenvolver os seus proxestos e xenerar riqueza mediante a vertebración dos distintos sectores sociais da cidade" constitúen, en palabras de Santi Domínguez, os cinco obxectivos básicos deste impulso á participación que se inicia na Concellería de Comercio pero que o tenente de alcalde anunciou que se estenderá ás outras áreas de goberno que dependen do BNG.
Descargar todas as imaxes