Escoitar

O Concello de Vigo asina un convenio con Caixa Galicia por valor de 2,5 millóns de euros

O alcalde, Abel Caballero, rubricou este martes un convenio co director xeral de Caixa Galicia, José Luis Méndez, polo que esta entidade investirá en Vigo 2,5 millóns de euros en actividades socioculturais en 2008. Abel Caballero salientou que o convenio ten nos creadores, o medioambiente e as empresas os seus tres alicerces básicos

martes, 26 feb 2008
1204043415caixagalicia260208.jpg
O convenio asinado polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o Director Xeral de Caixa Galicia, José Luis Méndez, vén renovar as "magníficas relacións" existentes entre ambos os organismos. O texto tradúcese no investimento de 2,5 millóns de euros na cidade no 2008, destinados á realización de actividades socioculturais. A sinatura foi rubricada na mañá deste martes en presenza do concelleiro de Promoción Económica, Emprego e Participación Cidadá, Santos Héctor, e o concelleiro de Cultura e Animación Sociocultural, Xesús López.

O alcalde salientou que o convenio xira en torno a tres alicerces chave: "os pensadores e creadores, o medioambiente e as empresas", tras o que manifestou a súa "satisfacción" polo documento ratificado. As actividades que o Concello de Vigo ten previsto desenvolver teñen un marcado carácter social. Emprego, cultura, educación, medioambiente e novas tecnoloxías son algúns dos eidos destinatarios das actuacións municipais que se desenvolverán ao longo deste ano 2008.

Ao acto, celebrado na sede da Fundación Caixa Galicia en Policarpo Sanz, asistiron numerosos representantes da vida política, cultural, social e económica da cidade, que puideron coñecer as liñas estratéxicas de actuación social da entidade en Vigo, dun xeito autónomo e en colaboración co Concello de Vigo.

Así, a atención aos maiores e o deporte serán outros focos de actuación na cidade. Ademais, o director xeral avanzou que, a finais de ano, Vigo acollerá a exposición única do pintor colombiano Fernando Botero, un dos artistas mais destacados do panorama internacional. O obxectivo da mostra é levar a Vigo de novo á primeira liña da actualidade cultural.

Méndez fixo tamén balance do exercicio anterior, no que, segundo datos da entidade, Caixa Galicia realizou preto de duascentas actividades socioculturais na cidade, a máis significativa, a exposición de Tamara de Lempicka. No conxunto das iniciativas organizadas por Caixa Galicia en Vigo durante 2007 participaron 150.000 persoas.
Descargar todas as imaxes