Escoitar

O Goberno local modifica tarifas para facilitar o equilibrio económico-financeiro de vario párkings

O Goberno local aprobou este martes a modificación das tarifas de varios aparcadoiros públicos co obxectivo de facilitar ás concesionarias o equilibrio económico-financeiro na súa explotación. A filosofía aplicada a esta medida é a de distribuír o esforzo económico entre o conxunto de usuarios, cun maior impacto para as estadías curtas nos párkings.

martes, 26 feb 2008
1204042870xunta260208.jpg
Segundo afirmou o alcalde tras a reunión extraordinaria e urxente da Xunta de Goberno, o Concello adoptou esta medida para evitar o pagamento de "arredor de 1 millón de euros" cada ano en concepto de indemnizacións ás concesionarias. Caballero explicou que as tarifas por minuto vixentes durante os últimos seis meses supoñen unha "seria rotura do equilibrio económico-financeiro" nos párkings de Urzaiz e da praza da Independencia, que xa reclamaron ao Concello 145.000 euros por este motivo.

Para evitar esta situación, o Goberno local decidiu aplicar o criterio de facer máis caras as estadías curtas nos aparcadoiros e viceversa, sempre mantendo o sistema de tarifas por minutos e establecendo dous tramos: un ata os 80 minutos e outro a partir deste tempo. Así, e por poñer dous exemplos, no párking de Urzaiz o prezo por minuto ata o minuto 80 será de 0,0325 euros, e de 0,0244 euros por minuto a partir dese tempo. No da praza da Independencia as cifras serán de 0,0297 e 0,0244 respectivamente.

As novas tarifas, segundo adiantou o alcalde, entrarán en vigor "mañá ou pasadomañá", e con elas "os ingresos dos aparcadoiros van ser similares aos que tiñan antes" de que se aplicasen as tarifas por minuto.

Novas liñas de VITRASA a Citroën

Por outra parte, Abel Caballero anunciou a próxima sinatura dun convenio entre o Concello, Peugeot Citroën e VITRASA para a creación de novas liñas de transporte urbano colectivo para dar servizo aos traballadores de Citroën. O futuro acordo contempla tres novas liñas ata a factoría situada na avenida do mesmo nome, unha desde Teis, outra desde Catro Pontes e a outra desde a avenida de Peinador, todas con saídas as 06.00 e 14.00 en sentido avenida de Citroën e ás 14.00 e 22.00 horas desde este mesmo punto. O alcalde asegurou que estes servizos se reforzarán en caso de que sexa necesario.

Segundo transbordo

Outro acordo adoptado este martes en relación ao transporte público colectivo polo Goberno local é o de aprobar a implantación dun segundo transbordo que permita utilizar de forma gratuíta unha segunda liña co mesmo tícket durante un período de 45 minutos. Esta medida terá unha vixencia de tres anos e o seu impacto económico será estudado polo Concello e VITRASA pasado ese tempo.

Descargar todas as imaxes