Escoitar

O Rallye Rías Baixas de vehículos clásicos chega á súa 10ª edición con 204 inscritos

Un total de 204 vehículos fabricados entre os anos 1953 e 1982 reuniranse o sábado 1 de marzo no párking do Verbum para participaren no Rallye Rías Baixas Clásico. Na edición deste ano, a décima xa, a proba disputarase sobre un novo percorrido, que será revelado o mesmo día da competición para que o público poida gozar dunha carreira que constitúe "un espectáculo en si mesma".

martes, 26 feb 2008
1204037726rallyeclasicos260208.jpg
Con estas palabras a definiu o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, na presentación que tivo lugar este martes no Concello de Vigo. O Concello, a través da propia Concellería de Deportes e da Tenencia de Alcaldía, colabora coa escudería Rías Baixas na organización deste evento, que tamén recibe o apoio da Consellería de Deportes, a Deputación de Pontevedra e o Concello da Guarda.

O Rías Baixas Clásico é unha proba puntuable para o campionato galego clásico e o trofeo Ponte da Prata, organizado conxuntamente por escuderías de Galicia e do Norte de Portugal. Celébrase paralelamente ao Rallye Rías Baixas de velocidade, do que se teñen disputado 44 edicións e que nos últimos tres anos conseguiu ser o de maior puntuación dos que teñen lugar dentro do Campionato de España.

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, salientou estes datos e o feito de que o Rallye Rías Baixas Clásicos leve ao mesmo tempo o nome de Gran Premio Turismo de Vigo, para afirmar que "temos que comezar a darlle a estas probas o valor que teñen para promocionar a cidade", xa que falar dun rallye do nivel do Rías Baixas "é falar de Vigo e do noso potencial". Por este motivo, Santi Domínguez recoñeceu o "bo facer" da escudería organizadora como "todo un referente" para o mundo do motor.

A carreira de automóbiles clásicos terá lugar o sábado 1 de marzo. Ese día, a partir das 08.00 horas, os 204 vehículos inscritos están chamados para se reuniren no párking do Verbum, en Samil, desde onde sairán ás 10.30 horas para realizaren un percorrido que non será revelado ata esa mañá no mesmo lugar de concentración. Alí, o público recibirá unhas guías do espectador onde se especificarán puntos especialmente sinalados para o seguimento da proba.

O que se sabe xa é que os participantes, dous por vehículo, se desprazarán ata o monte de Santa Tegra, na Guarda. A chegada a este punto está prevista para as 14.00 horas. Despois os automóbiles regresarán a Vigo, onde chegarán arredor das 18.00 horas.

Será unha xornada para gozar dun "escaparate auténtico da historia do automóbil", en palabras do presidente da escudería Rías Baixas, Fernando Mouriño, quen se mostrou convencido de que "ao público lle vai gustar" poder ver unha carreira de automóbiles clásicos "de todo tipo de marcas" e décadas de antigüidade.
Descargar todas as imaxes