Escoitar

María Méndez alerta da feminización do proceso migratorio

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, salientou este xoves as características que actualmente presentan a emigración e a pobreza, entre as que destacou a súa feminización. Ademais, durante a presentación do segundo Certame Audiovisual "Ollo de Vidro", que organiza a Fundación Érguete, María Méndez subliñou que por isto é preciso dirixir os esforzos cara aos colectivos de mulleres, tal e como está a facer a súa Concellería, desenvolvendo proxectos nos eidos da educación, a vivenda, a integración laboral e os problemas de xénero.

xoves, 28 feb 2008
1204206863benestar280208.jpg
"Na Concellería de Benestar Social estamos en permanente contacto coas asociacións de emigrantes e inmigrantes, co obxectivo de coñecer de primeira man a súa realidade, que vemos que maioritariamente son mulleres", explicou a concelleira, quen manifestou tamén a súa coincidencia coas conclusións do estudo sobre a participación social da muller inmigrante na cidade de Vigo e a súa área. Segundo este estudo, dos 420.000 habitantes da Mancomunidade de Vigo, o catro por cento corresponde a persoas procedentes de terceiros países, especialmente de América do Sur e o resto de Europa. En canto á cidade de Vigo, esta porcentaxe aumenta ata o 14,4 por cento.

O estudo sinala a feminización do proceso migratorio, así como o feito de que a maior parte das mulleres que chegan á nosa cidade e á súa área están en idade laboral e reprodutiva e contan con estudos medios. Pon de manifesto tamén que a participación das mulleres se reduce sobre todo ás asociacións de inmigrantes, e non ás xa existentes no país, pese a que aquelas non cobren o proceso de integración total dos propios inmigrantes.

Neste sentido, a concelleira de Benestar Social expresou a súa "grata sorpresa" polo estudo, así como polos dous traballos premiados na primeira edición do concurso audiovisual "Ollo de Vidro", ambos realizados por estudantes do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela. Así mesmo, manifestou o seu "orgullo polo traballo que están a desenvoler a Asociación e a Fundación Érguete dende hai moitos anos".
Descargar todas as imaxes