Escoitar

A feira náutica de Vigo abre as súas portas con 75 expositores

O alcalde, Abel Caballero, presidiu este xoves o acto de inauguración da Vigo Nau 2008, o Salón do Mar e da Náutica de Vigo, que poderá ser visitado no IFEVI desde o xoves 28 de febreiro ata o próximo 2 de marzo. O evento naceu en 2004 co obxectivo de promover e potenciar o mundo náutico e contará nesta quinta edición cun total de 75 expositores.

xoves, 28 feb 2008
1204209941vigonau1.jpg
O Salón do Mar e da Náutica 2008 abriu este xoves as súas portas no IFEVI co acto de inaguración presidido polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, acompañado polo director territorial de Caixa Galicia, José Manuel Fernández; o presidente de Marina de Exposiciones, a organizadora do evento, Carlos Soto; a delegada provincial da Consellería de Cultura e Deporte, María Xesús López; e do xerente do IFEVI, Arsenio Prieto. Os invitados á inauguración puideron asistir á botadura dunha embarcación e realizaron un percorrido polas instalacións da feira.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, mostrouse "orgulloso de participar por terceiro ano consecutivo" na inauguración e trasladou aos presentes "o apoio do alcalde e da cidade". Destacou na súa intervención o "maior proxecto de recuperación do ámbito portuario, o proxecto Nouvel, que é hoxe unha realidade que combina deporte, industria e comercio". O alcalde vinculou o futuro portuario coa crecente actividade náutica que rexistra a cidade, "tanto de carácter lúdica como deportiva", e salientou que "Vigo volve ser, un ano máis, a cidade de referencia da náutica, un sector en expansión".

A quinta edición da Vigo Nau vén promocionar e potenciar a náutica, con expositores que ofrecen aos visitantes a posibilidade de coñecer de primeira man as innovacións do sector. Na edición do 2008, o Recinto Ferial acolle un total de 75 mostradores que albergan todo tipo de produtos, como a electrónica náutica e as comunicacións, a roupa e o calzado técnico, as embarcacións tradicionais e a motor, a vela lixeira, e todo tipo de complementos do mundo da actividade náutica.

Desde unha perspectiva territorial, dos 75 expositores presentes no evento, as empresas radicadas en Galicia representan o 70% do total. O 30% restante corresponde ás compañías estranxeiras e ás procedentes do territorio español, cun 15% en cada caso. Dos produtos que os visitantes poden contemplar na Vigo Nau destacan as embarcacións, que supoñen un 25% do total da mostra. A maior delas mide 43 pés, case 13 metros, e custa uns 400.000 euros.

A Vigo Nau 2008 está aberta ao público desde o 28 de febreiro ao 2 de marzo no Instituto Feiral de Vigo (IFEVI), en Cotogrande, de 10.00 a 21.00 horas. O prezo xeral de acceso é de 3 euros, coa entrada gratuíta para os menores de 8 anos que estean acompañados dun adulto.

Descargar todas as imaxes