Escoitar

O Auditorio Municipal acolle o sábado a obra de teatro infantil "Un avó especial"

A obra "Un avó especial", de Migallas Teatro, é a montaxe elixida para continuar o sábado, 1 de marzo, coa programación estable de teatro para este ano 2008, organizada pola Concellería de Cultura, que dirixe Xesus López. Neste caso, trátase dunha representación dirixida ao público infantil que aborda o tema da enfermidade do Alzhéimer, que terá lugar no Auditorio Municipal a partir das 18.00 horas.

xoves, 28 feb 2008
1204207203teatro280208b.jpg
A montaxe de "Un avó especial" ten o obxectivo de axudar a comprender situacións que moitas familias poden vivir no seu contorno. Malia á seriedade do tema que trata, ten un enfoque humorístico que persegue fomentar actitudes optimistas para afrontar os problemas da doenza e amosar a importancia que teñen os nenos e nenas para que os maiores vivan momentos felices.

Á parte da enfermidade, tamén se trata o tema da relación entre a infancia e as persoas maiores en xeral, así como diferentes modos de educar os rapaces por parte dos membros da familia. Os avós preséntanse como transmisores da sabedoría tradicional e peculiar de cada pobo fronte á uniformidade cultural imposta pola publicidade e os medios de comunicación. Ditos tradicionais, lerias e enredos son un elemento máis da obra.

A compañía teatral Migallas Teatro e a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras demencias de Pontevedra (Afapo) decidiron elaborar unha obra teatral destas características empregando unha terminoloxía e unha linguaxe adaptados á infancia para que poidan entender o que acontece chegado o caso de que un familiar padeza esta enfermidade.

O xénero de "Un avó especial" oscila entre a comedia e o drama. Se ben ao longo de case toda a peza domina o humor, cara ao final, debido á temática que trata e ao desexo de concienciar, adquire certo ton dramático. A escenografía é sinxela, con elementos que crean diferentes ambientes, como un berce, unha mesa, dúas cadeiras, un cesto, un cabalo de madeira e un colgadoiro, entre outros. Ademais, a música, as cancións e os ditos tradicionais ocupan un lugar importante no desenvolvemento da acción dramática.

Migallas Teatro foi constituída como compañía profesional no ano 1996, aínda que como grupo afeccionado a súa creación data de 1992. Dende o ano 1996 ten realizado unha media de setenta representacións anuais, o que soma unhas 600 actuacións como compañía profesional. Na actualidade leva adiante a montaxe tanto de espectáculos para público familiar como para público adulto.

Segundo o concelleiro de Cultura, Xesus López, os prezos das representacións son "absolutamente populares", xa que a entrada para as obras de teatro infantil e maxia é de 2 euros para menores de 12 anos e 3 euros para maiores desa idade.
Descargar todas as imaxes