Escoitar

O Ciclo de Música Sacra 2008 estará dedicado ao misticismo nas culturas europeas

Baixo o título de "O misticismo nas culturas europeas", o Ciclo de Música Sacra de Vigo celebrará a súa oitava edición cunha serie de catro concertos na igrexa de María Auxiliadora do luns 10 ao sábado 15 de marzo. Destaca a presenza do conxunto Barbara Furtuna, que por primeira vez traerá a unha cidade española as súas polifonías corsas.

venres, 7 mar 2008
1204893139musicasacra070308.jpg
O termo música sacra naceu no século V ligado a ritos cristiáns da época para definir un estilo que con diversas modificacións chegou ata os nosos días. Dentro desta tradición musical, o Ciclo de Música Sacra de Vigo é "un festival único en Galicia e no Norte de Portugal", segundo lembrou este venres o concelleiro de Cultura, Xesus López, quen salientou a "grande aceptación de público" que ten conseguido en edicións anteriores.

Roberto Relova, director do Ciclo, sinalou que este constitúe xa "unha realidade musical de primeira orde no Estado español", sendo "o único que se celebra en Galicia" a pesar da existencia na nosa Comunidade doutros escenarios idóneos pola súa tradición neste campo. Relova definiu a igrexa de María Auxiliadora como unha "marabilla de acústica" especialmente adecuada para a música sacra, algo que axuda a explicar, ao seu ver, o promedio de 12.000 a 14.000 asistentes que rexistra cada ano este festival.

Tres grupos foráneos e un de Galicia conforman o cartel desta edición, que se desenvolverá integramente na igrexa de María Auxiliadora con catro concertos en días diferentes, sempre a partir das 21.00 horas. O luns 10 o conxunto Ensemble Lumine ofrecerá o concerto "Leccións do Mércores Santo", con obras de Delalande, Dornell, Brossard, Marais e Couperin. A proposta do mércores 12 é Ensemble Vigo 2008, composto por músicos galegos formados en Galicia, que interpretarán en "Stabat Mater" composicións de Nicolas Ledesma e Arvo Pärt.

O xoves 13, o Dúo Herschon traerá a inspiración espiritual dun conxunto de obras de Pleyel, Mozart, Bruni e Martinu, reunidos nos seus "Encontros Místicos". Finalmente, o sábado 15, o conxunto Barbara Furtuna ofrecerá coas súas "Polyphonies Corses" unha mostra dunha tradición musical propia da illa de Córsega na que se combinan elementos antigos e populares. A música de Barbara Furtuna é coñecida internacionalmente pola súa presenza na banda sonora da película "A delgada liña vermella".
Descargar todas as imaxes