Escoitar

Vigo acollerá en setembro o Congreso Económico da Eurorrexión

Economistas profesionais dos ámbitos público e privado de Galicia e do Norte de Portugal reuniranse en setembro en Vigo no Congreso Económico da Eurorrexión para analizaren conxuntamente o estado actual e o futuro da economía neste espazo de colaboración transfronteiriza. Así o anunciou o alcalde de Vigo, Abel Caballero, despois da reunión que mantivo este venres con representantes do Comité Organizador do Congreso.

venres, 15 feb 2008
1203084259euro150208.jpg
Caballero salientou a "enorme relevancia" deste evento, xa que reunirá en Vigo "cando menos 500 profesionais". O alcalde explicou que o Congreso Económico da Eurorrexión será organizado polos colexios de economistas de Vigo, A Coruña, Ourense e Lugo e os seus equivalentes do Norte de Portugal.

Para Abel Caballero, o feito de que estas entidades teñan elixido Vigo como sede deste evento debe suscitar unha "reflexión positiva", dado que confirma que "xa estamos actuando como capital da Eurorrexión". Por este motivo, o alcalde mostrou aos membros do Comité Organizador a "satisfacción da cidade" e brindoulles "toda a colaboración do Concello".

Nesta mesma liña, Caballero incidiu na importancia de que "todo o que teña que ver coa planificación e o desenvolvemento da Eurorrexión" se realice desde Vigo, unha idea que afirmou saudar "con entusiasmo".
1203084259euro150208.jpg
1203084269euro150208b.jpg
Descargar todas as imaxes