Escoitar

O Festival Alternativo das Artes Escénicas comeza o día 22 coa obra "Kamchàtka" na rúa do Príncipe

O Festival Alternativo das Artes Escénicas Alt.08A volve á cidade de Vigo o venres 22 de febreiro, nesta ocasión da man da compañía barcelonesa Kapchatka, que na rúa do Príncipe, ás 19.00 horas, interpretará a obra do mesmo nome. Segundo o concelleiro de Cultura, Xesus López, a celebración do Alt.08 "é un dos mellores acontecementos que se producen na cidade de Vigo, xa que sitúa á cidade no centro das Artes Escénicas do Estado".

xoves, 14 feb 2008
1202998494alt140208.jpg
"Trátase dun festival rompedor pero xa totalmente consolidado, que na súa sétima edición aposta fortemente polo seu desenvolvemento na rúa", sinalou Xesus López, quen na súa presentación estivo acompañado pola vicerreitora de Extención Universitaria, Carmen Cabeza, o representante do Instituto Camoes en Galicia, Samuel Rego, un representante da entidade Caja Madrid, Fernándo Rodríguez, e a directora do festival, Lola Correa.

Segundo Xesus López, desde a Concellería de Cultura existe "o firme propósito de facer que as artes escénicas e musicais teñan na nosa cidade un lugar predominante e neste sentido se enmarca a programación do Alt.08, que este ano aposta pola variedade de escenarios nos que se desenvolverá".

Así, as actuacións programadas dende o 22 de febreiro ata o 8 de marzo poderán verse na rúa do Príncipe, na Casa das Artes, na paseo peonil do Calvario, no Auditorio Municipal, no Marco, no Auditorio da Cidade Universitaria e na Casa Arines, sede do Instituto Camoes. Ao respecto, o representante do Instituto Camoes en Galicia sinalou a importancia de colaborar co desenvolvemento do festival e na "profundización no intercambio de linguaxes contemporáneas entre Galicia e Portugal".

Coincidindo coa clausura do festival o 8 de marzo, celebrarase un "Marathon woman", de xeito que haberá actuacións dende as 12 horas ata as 22 horas de diferente tipo: danza, performances e teatro. A variedade da procedencia das compañías participantes é outro dos aspectos característicos do certame, xa que de Alemaña, Francia e Portugal, pasando por Cataluña, Valencia, Cantabria, País Vasco, Madrid, León, Andalucía, e por suposto Galicia, haberá actuacións.

As entradas, de 5 euros para as funcións escéncias e 3 euros para o cine, poden mercarse nos lugares das funcións dende unha hora antes, (salvo para o programa Alt-Itinerarios, que só é venda anticipada). As reservas telefónicas poden facerse nos números de teléfono 986 422 541, 666 990 403 e 637 081 888, e é preciso retiralas ata 15 minutos antes da hora do comenzo da función.
Descargar todas as imaxes

Máis información