Escoitar

Concellería de Turismo e Autoridade Portuaria acordan reservar un espazo para os autobuses turísticos no Porto

Os autobuses turísticos teñen xa a posibilidade de aparcar nas instalacións do Porto de Vigo como froito do acordo manifestado este xoves polo tenente de alcalde, Santi Domínguez, e o presidente da Autoridade Portuaria, Xesús Paz. Nas súas respectivas intervencións, ámbos os dous salientaron a "excelente colaboración" que existe entre ambas institucións "en beneficio de Vigo", e como exemplo disto anunciaron a implementación da información turística que se lle facilitará aos cruceiristas "antes do seu desembarco na cidade".

xoves, 14 feb 2008
1202998851porto140208a.jpg
O tenente de alcalde lembrou que a existencia dun espazo no centro da cidade onde os autobuses turísticos poidan aparcar para que os visitantes coñeceran os atractivos de Vigo é unha demanda longamente solicitada polos comerciantes e hosteleiros do Casco Vello. "Xesús Paz entendeu dende o primeiro momento a necesidade histórica desta demanda e despois de solventar as cuestións relacionadas coa seguridade foi posible chegar ao acordo", explicou Santi Domínguez, quen apuntou que ademais de facilitar a información aos visitantes que cheguen a Vigo nos trasatlánticos antes do seu desembarco, instalarase a oficina de turismo nas propias dependencias da Estación Marítima, de xeito que poidan ser atendidos "nada máis chegar á cidade".

Pola súa banda, Xesús Paz reiterou o seu compromiso para traballar conxuntamente coa Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Turismo e felicitou ao tenente de alcalde polas xestións levadas a cabo en materia de Turismo. Sinalou que o espazo do peirao de trasatlánticos pode compatibilizarse coa súa utilización polos autobuses turísticos. "O Porto de Vigo conta coa máxima categoría en materia de seguridade e por iso os principais cruceiros do mundo queren vir a Vigo. Sen mermar a seguridade pensamos que podemos colaborar na posta en marcha deste novo servizo, aínda que o acceso debe estar limitado aos días nos que non haxa cruceiros, xa que estes serán prioritarios. Ademais, os autobuses deben contar cunha autorización da Concellería de Turismo", explicou o presidente da Autoridade Portuaria. Xesús Paz matizou que esta posibilidade de utilización das instalacións portuarias refírese ao servizo discrecional de pasaxeiros, que fan as excursións, e non as liñas regulares.

Xesús Paz manifestou, ademais, que segundo un estudo realizado no ano 2007 para analizar a posición estratéxica de Vigo no mercado actual de cruceiros, máis dun 80 por cento elixe pasar o día en Vigo e dispón para iso de entre seis e oito horas. Deste xeito, sinalou o presidente da Autoridade Portuaria, é preciso presentarlles os atractivos da cidade para que esta porcentaxe aumente. A gastronomía, a variedade comercial, o clima suave da cidade e vistas panorámicas constitúen algunhas das razóns para preferir disfrutar da cidade. As compañías, pola súa banda, ademais destes aspectos, valoran moi positivamente a posición xeográfica da cidade nas rutas marítimas, respecto á distancia de portos complementarios nas rutas, como Southampton –principal orixe dos buques- e Lisboa, así como a seguridade existente.

Así mesmo, o tenente de alcalde anunciou o avance nas negociacións para que Vigo conte cun voo directo con Londres este mesmo ano, tras a reunión que mantivo este mesmo xoves co director de Clickair e o xerente da Fundación Provigo, Rubén López. "Este ano por fin vai poder ser real que Vigo teña enlace directo con Londres", salientou Santi Domínguez.
1202998851porto140208a.jpg
1202998863porto140208b.jpg
Descargar todas as imaxes