Escoitar

A Federación de Asociacións Veciñais "Eduardo Chao" presenta a súa programación de Entroido

A Federación de Asociacións Veciñais "Eduardo Chao" ofrece un conxunto de actividades complementarias ás que o Concello organiza con motivo do Entroido para que nenos e maiores gocen destas festas da maneira máis participativa posible. Serán máis de 50 festas, bailes, obradoiros, espectáculos e outras actividades que se desenvolverán do 2 ao 23 febreiro baixo a denominación Move Vigo Entroido 2008.

venres, 1 feb 2008
1201876078entroido010208.jpg
O programa das Asociacións Veciñais para o Entroido foi presentado este venres polo concelleiro de Cultura, Xesús López, como unha iniciativa que servirá para crear "un punto de encontro, un lugar de convivencia e un espazo para a transmisión de valores" ao que poderán acudir todos.

Segundo o responsable de Cultura da Federación de Asociacións Veciñais, Xosé Couñago, o obxectivo de Move Vigo Entroido 2008 é conseguir "que todo o mundo teña onde elixir", partindo da idea de que "o Entroido de Vigo debe ser máis participativo e máis diversificado".

Dentro do programa terán un papel destacado os máis pequenos. Eles e as súas familias están convidados a 11 festas infantís de Entroido para disfrazarse, xogar e bailar e tamén poderán gozar nestes días de actuacións de teatro, música, danza e obradoiros de máscares e disfraces. Ademais, oito concursos premiarán os máis creativos e orixinais, que terán a oportunidade de lucir as súas creacións nos desfiles de Entroido.

O Entroido de Move Vigo non remata no mércores de cinza. A segunda fin de semana de febreiro as asociacións veciñais seguirán vestidas de Entroido para convidar a cidadanía a participar nos tradicionais bailes de disfraces e de piñata, que nesta ocasión se celebrarán en Beade, Valadares e Cabral.
Descargar todas as imaxes

Máis información