Escoitar

A candidatura da cidade de Vigo á Univesiada 2013 colle impulso internacional en FITUR

O Concello e a Universidade de Vigo escolleron este mércores o marco da Feria Internacional de Turismo de Madrid (FITUR) para presentar ao mundo a súa candidatura para albergar a Universiada de Verán en 2013.

xoves, 31 xan 2008
1201790248fiturfitur310108.JPG
O acto, que se celebrou no salón de actos do stand de Turgalicia, estivo presidido polo vicepresidente da Xunta de Galicia, Anxo Quintana. Acompañando o número dous do Goberno autonómico estiveron o alcalde de Vigo, Abel Caballero; o tenente de Alcalde, Santiago Domínguez; o reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago; o concelleiro de Deportes, Xavier Alonso, e o director xeral de Turismo da Xunta, Rubén Camilo Lois González.

Máis de cen persoas asistiron este mércores en FITUR, considerada a feira de turismo máis importante do mundo, á presentación do proxecto de Vigo para 2013. O impulsor desta iniciativa, Santiago Domínguez, salientou que a cidade de Vigo "está preparada" para acoller un evento internacional deste tipo. O tenente de alcalde dixo que o proxecto de Vigo é "realista" e que a cidade conta xa co 85% das instalacións necesarias.

Domínguez salientou tamén o forte respaldo político, social e empresarial que acadou esta proposta dende o principio, non só da cidade senón de toda Galicia, e aludiu á grande experiencia que avala a capacidade organizativa de Vigo, con exemplos claros como a recente saída da Volta Ciclista a España, a Copa do Mundo de Saltos ou a Volvo Ocean Race. O tenente de alcalde non quixo esquecer a amabilidade e cordialidade das viguesas e os vigueses, "algo que os deportistas dificilmente atoparan noutras cidades", apuntou.

Pola súa banda, o reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago, quixo transmitir a importancia que a Universiada tería para a institución viguesa e o seu legado, tanto nas infraestruturas como no fomento do deporte universitario, onde se referiu aos estudantes vigueses Lúa Devesa e Miguel Romero, participantes en Bangkok 2007.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, afirmou que a cidade é "nova, dinámica e puxante, cosmopolita e con probada experiencia na organización de eventos internacionais", polo que está "magnificamente preparada e desexosa" de albergar a Universiada. Caballero salientou a calidade do proxecto vigués e engadiu que se trata dun "reto alcanzable". Finalmente, o alcalde comprometeuse a facer todo o necesario para que os deportistas, a organización e os visitantes se sintan apoiados en todo momento.

O encargado de pechar o acto foi o vicepresidente da Xunta de Galicia, Anxo Quintana, quen salientou que se trata dunha "proposta ambiciosa, pero tamén seria e realista, que representa unha oportunidade para a cidade e tamén para os participantes". Quintana destacou que Vigo é a maior cidade de Galicia, o seu porto está entre os máis importantes do mundo, conta cunha importante oferta hoteleira e o seu aeroporto rexistrou en 2007 máis de 1,4 millóns de pasaxeiros. Lembrou ademais que Vigo dispón dun tecido empresarial innovador e dinámico e dun puxante sector universitario e cultural.

O vicepresidente da Xunta asegurou que todos estes factores fan que a candidatura da cidade de Vigo non só sexa a candidatura do goberno da cidade, senón a candidatura da propia cidade, do conxunto da cidade. "Na celebración da Universiada, a cidade de Vigo é unha participante máis, e isto é algo que debemos transmitir e poñer en valor na nosa candidatura porque representa un plus do que carecen outras cidades", indicou. O vicepresidente concluíu que a candidatura para a Universiada "será un camiño longo", con diferentes fases, nas que se competirá con outras cidades importantes. "Será por tanto unha carreira de obstáculos, pero nós estaremos con toda a ilusión, o noso traballo e o bo facer galego", para acadar o obxectivo de organizar a Universiada en 2013.
Descargar todas as imaxes