Escoitar

O Concello pon en marcha o programa "Camiña con nós pola igualdade" para nenos e nenas de educación infantil e primaria

A concelleira de Igualdade, Iolanda Veloso, presentou este mércores o programa "Camiña con nós pola igualdade", destinado á sensibilización e formación na igualdade de oportunidades de nenos e nenas de educación infantil e primaria da nosa cidade. En total, serán 2.196 os alumnos e alumnas que participarán nesta iniciativa, que se desenvolverá en 27 centros educativos ata o mes de xuño".

mércores, 30 xan 2008
1201703183igualdade300108.jpg
"Na escola adquírense unha serie de valores que logo nos conforman como persoas, polo que este é un dos ámbitos prioritarios da nosa Concellería para conseguir un cambio na sociedade e a eliminación da desigualdade", indicou a concelleira, quen explicou que esta iniciativa ofrece unha "programación permanente" en cada centro.

Dentro desta programación dúas pedagogas desenvolven obradoiros temáticos cunha metodoloxía lúdica, participativa e desde unha perspectiva de xénero. O obxectivo destas actividades, explicou a concelleira, é desenvolver unha estratexia a medio e longo prazo "dirixida a reflexionar e promover a igualdade entre sexos desde a etapa evolutiva na que se conforman as identidades de xénero".

Un total de 602 alumnos e alumnas de 3 anos (4º de educación infantil) participarán nesta iniciativa, xunto con 650 alumnos e alumnas de 4 anos (5º de educación infantil) e 628 alumnos e alumnas de 5 anos (6º de educación infantil).

O obxectivo xeral do programa para estes tramos de idade é o de fomentar a igualdade entre nenas e nenos, mentres que os obxectivos específicos consisten en romper os estereotipos de xénero, tanto no ámbito familiar, como no laboral; fomentar a corresponsabilidade na familia; educar na igualdade de xénero; aceptar os distintos tipos de familias; fomentar a igualdade no ámbito do traballo; coñecer distintas personaxes ficticias e reais, que non corresponden aos estereotipos de xénero; identificar diferenzas e semellanzas entre mulleres e homes nos eidos laboral e familiar; e expresar e identificar emocións e sentimentos.

O método que se empregará está baseado en xogos e conta, ademais, co chamado "Libro da Igualdade", no que mediante debuxos os nenos e nenas poden traballar diversos conceptos, como o das familias ou as tarefas domésticas, entre outros.

En educación primaria, pola súa banda, participan 316 alumnos e alumnas de 12 anos (que corresponden a 6º de educación primaria), e nesta etapa as pedagogas propician a reflexión e a crítica mediante a elaboración dun "Diario de tarefas" ou o traballo sobre as características de homes e mulleres.

Neste caso, o obxectivo xeral do programa consiste en fomentar a igualdade entre mulleres e homes. Os obxectivos específicos son romper os estereotipos de xénero, fomentar a corresponsabilidade entre os membros da familia, educar nos conceptos de igualdade de xénero; fomentar a igualdade no ámbito do traballo; coñecer as aportacións das mulleres á historia da humanidade; identificar diferenzas e semellanzas entre mulleres e homes nos distintos ámbitos da vida; desenvolver a asertividade e identificar situacións de maltrato relacionadas coa violencia de xénero.

Na súa intervención, Iolanda Veloso salientou a importancia de que o profesorado participe na programación e que conte cos medios axeitados para acadalo, "posto que dende a igualdade de xénero teórica ata a práctica aínda hai unha distancia moi longa por percorrer".
Descargar todas as imaxes