Escoitar

Vitrasa e o colectivo de taxis da cidade súmanse á candidatura de Vigo para acoller a Universiada

Baixo o lema "Estamos preparados" e coa imaxe oficial do proxecto de Vigo 2013, a cidade prepárase para a visita do Consello Superior de Deportes, que terá lugar os días 5 e 6 de febreiro. Así, e a partir da vindeira semana, os 118 autobuses da empresa de transporte público Vitrasa e os 553 vehículos da frota de taxis de Vigo apoiarán a candidatura da cidade para ser sede da Universiada de Verán en 2013.

martes, 29 xan 2008
1201615919universiada290108.jpg
Así o anunciou este martes o tenente de alcalde, Santiago Domínguez, que presidiu a sinatura dun convenio entre ambos colectivos, mediante o cal lucirán a imaxe oficial da candidatura ata o vindeiro 11 de marzo, data na que o Consello Superior de Deportes (CSD) resolverá entre as propostas presentadas no corte estatal, neste caso, Vigo e Murcia.

No acto, no que tamén estiveron presentes o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso; o concelleiro de Mobilidade, Transporte e Seguridade, Xulio Calviño; o director xeral de Vitrasa, Juan Carlos Villarino, e o presidente da Cooperativa Galega de Autotaxis, Aurelio Bolaño, Santiago Domínguez agradeceu en nome do Concello a colaboración de ambos colectivos neste proxecto no que "estamos todos involucrados".

Domínguez explicou que a visita do CSD servirá para avaliar a cidade no proceso de selección para ser designada como a cidade que representará a España, unha decisión na que "agardamos que sexa Vigo", afirmou o tenente de alcalde, quen aproveitou tamén a ocasión para resaltar que a campaña que este martes se presentou "non sería posible sen a colaboración da Concellería de Tráfico".

Pola súa banda, tanto a empresa de transporte público Vitrasa como o colectivo de taxis de Vigo amosaron a súa satisfacción por poder participar nun acto "desta envergadura" e ofrecéronse a colaborar en "todo aquilo que nos soliciten". A seguinte intervención correspondeulle ao concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, quen dixo ser receptor directo da ilusión que, día a día, lle transmiten diferentes colectivos deportivos e sociais da cidade.

Finalmente, o concelleiro de Mobilidade, Transporte e Seguridade, Xulio Calviño, asegurou que a deste martes era a mellor das imaxes dun Goberno comprometido cun gran reto. Calviño valorou como fundamental e imprescindible a adhesión destas dúas empresas e, aludindo á campaña presentada, dixo que "estamos preparados" para asumir a Universiada de Verán en 2013. O acto rematou coa pegada de imaxes nun autobús de Vitrasa en un taxi da cidade ubicados na explanada da Policía Local.

A visita da representación da Comisión Técnica do Consello Superior de Deportes, formada por sete persoas, prodúcese logo da entrega do cuestionario obrigatorio o pasado mes de decembro en Madrid. Este documento dá resposta a 26 preguntas sobre temas relacionados coas instalacións actuais e previstas de cara ao 2013, infraestruturas de transporte, dotación hoteleira e condicións xerais, de loxística e experiencia.
Descargar todas as imaxes