Escoitar

Aprobada inicialmente a ordenanza para regular a instalación de terrazas na vía pública

O Pleno da Corporación deu o seu visto bo este luns á aprobación inicial da ordenanza municipal reguladora da instalación de terrazas na vía pública. A decisión contou cos votos favorables dos grupos do PSdeG-PSOE e do BNG, mentres que o do PP optou pola abstención.

luns, 28 xan 2008
1201531887pleno280108b.jpg
Segundo explicou o concelleiro de Mobilidade, Xulio Calviño, o obxectivo desta ordenanza, cuxo proxecto foi aprobado pola Xunta de Goberno o 21 de xaneiro, é compatibilizar a mobilidade co lecer, facendo ao mesmo tempo "atractivo" o espazo urbano. Calviño lembrou que ata o de agora o Concello regulara a instalación de terrazas a través de bandos, polo que se facía necesaria a elaboración dunha ordenanza que, por outra parte, conta cun "consenso total", ao ser apoiada polos representantes do sector da hostelería e pola Concellería de Comercio.

A ordenanza establece un espazo dunha anchura nunca inferior a 1,2 metros para os peóns en todas as beirarrúas da cidade. Nas zonas peonís, a concesión de licenzas para a instalación de terrazas dependerá da aprobación da Concellería de Mobilidade, que terá en conta a adecuación da proposta ao espazo a que se refira. Por outra parte, a aplicación da nova norma sobre terrazas nas Zonas Acusticamente Saturadas (ZAS) dependerá do que dispoña a ordenanza que rexe nestas áreas.

A ordenanza aprobada inicialmente polo Pleno este luns establece, ademais, que as terrazas poderán estar instaladas só de 10.00 a 00.00 horas en días laborables e festivos e de 10.00 a 01.30 os sábados e vésperas de festivo.

Fronte ao apoio mostrado polo BNG a esta normativa a través do seu voceiro, Santiago Domínguez, para quen esta "é unha boa ordenanza", a representante do PP Lucía Molares mostrou as súas dúblidas sobre o documento en relación a tres aspectos: a adecuación da ordenanza á "casuística do Casco Vello" e á dinamización da súa hostelería; a hora de inicio da instalación das terrazas (10.00 horas), demasiado tarde porque, segundo lembrou a concelleira, moitos locais abren unha ou dúas horas antes; e a compatibilidade entre os intereses do sector hosteleiro e o "dereito de todos os cidadáns a gozar das rúas", especialmente no que ten que ver coa accesibilidade dos espazos públicos.
Descargar todas as imaxes