Escoitar

O alcalde asina un convenio para o desenvolvemento de actividades no Centro Cívico de Teis

O alcalde, Abel Caballero, e o concelleiro de Participación Cidadá, Santos Héctor, asinaron este venres coa Asociación de Veciños de Teis un convenio que ten por obxecto fixar as bases da colaboración para organizar e executar os programas de actividades que se desenvolverán no Centro Cívico de Teis por parte da Asociación.

venres, 25 xan 2008
1201271174teis250108.jpg
A Asociación de Veciños de Teis, como ente veciñal enraizado no barrio, coñece en profundidade as carencias de actividades socioculturais e sociocomunitarias e busca paliar estas carencias co uso intensivo do Centro abríndoo ao público 55 horas á semana. A tal fin, e a través dunha memoria anexa ao convenio, a Asociación desenvolve, de xeito coordinado coa Concellería de Participación Cidadá, actividades formativas e de lecer en todas as súas instalcións.

O centro dispón de instalacións para uso multidisciplinar, con salas relacionais, aulas de formación, cociña, centro de internet municipal e unha biblioteca, ademais dun auditoiro co capacidade para 200 persoas, dotado dun moderno sistema multimedia.

Dentro das actividades desenvolvidas durante o convenio rematado en 2007, merece a pena destacar non só o volume das mesmas, senón a súa variedade, con actividades para todos os veciños e veciñas de Teis. Así, a oferta do Centro inclúe desde a formación en informática e internet ata ioga, pasando por baile, teatro, cociña, conferencias, exposicións, axilidade mental, campamentos urbáns, entre outras actividades.

A achega económica municipal necesaria para a consecución dos fins previstos para o ano 2008 é de 55.000 euros, o que supón un incremento dun 35% respecto aos convenios anteriores.

Ademais da oferta de actividades e servizos que desenvolve a Asociación, o Concello mantén a xestión directa e con persoal propio do Centro de Atención Municipal, no que informa e apoia a cidadanía na xestión de trámites, recollida de queixas e suxestións e ofrecendo toda clase de información relacionada co Concello.
Descargar todas as imaxes