Escoitar

O Goberno local aproba o proxecto da ordenanza para regular a instalación de terrazas

A Xunta de Goberno Local aprobou este luns o proxecto de ordenanza municipal reguladora da instalación de terrazas na vía pública, unha norma "pendente desde había décadas", segundo afirmou o alcalde, Abel Caballero. O proxecto, presentado á Xunta de Goberno Local pola Concellería de Mobilidade, deberá ser ratificado polo Pleno da Corporación Municipal para entrar en vigor.

luns, 21 xan 2008
1200928667xunta210108.jpg
Abel Caballero sinalou na rolda de prensa posterior á reunión da Xunta de Goberno que o obxectivo principal deste proxecto é "asegurar que en todas as beirarrúas da cidade a instalación de terrazas de cafeterías deixa espazo suficiente para os peóns", e que se fai, ademais, "en horarios razoables".

O proxecto establece un espazo dunha anchura nunca inferior a 1,2 metros para os peóns. Así, nas beirarrúas de 2,5 a tres metros só poderá haber unha fileira de mesas, mentres que naquelas que teñan 5,5 metros de ancho poderán instalarse dúas.

Ademais, o alcalde indicou que nas zonas peonís a concesión de licenzas para a instalación de terrazas estará "a expensas da proposta que se faga e da aprobación da Concellería de Mobilidade", que terá en conta a "adecuación entre a proposta e o espazo".

Por outra parte, a aplicación da nova norma sobre terrazas nas Zonas Acusticamente Saturadas (ZAS) dependerá do que dispoña a ordenanza que rexe nestas áreas, algo que aparecerá recollido na proposta que finalmente faga o Pleno, segundo avanzou Caballero.

O proxecto de ordenanza aprobado este luns polo Goberno local establece, ademais, que as terrazas poderán estar instaladas só de 10.00 a 00.00 horas en días laborables e festivos e de 10.00 a 01.30 os sábados e vésperas de festivo.

Así mesmo, o proxecto recolle as sancións que se aplicarán polo incumprimento da ordenanza, distinguindo entre leves (ata 600 euros), graves (de 601 a 1.200 euros) e moi graves (de 1.201 a 2.000 euros).

Abel Caballero explicou que a instalación de terrazas en Vigo dependerá da concesión da correspondente licenza, que poderá ser trimestral ou anual, e salientou o consenso alcanzado arredor do proxecto de nova ordenanza, xa que contou coa "anuencia" da Concellería de Comercio e Turismo e o apoio da Federación de Empresarios da Hostelería.
Descargar todas as imaxes