Escoitar

A Casa das Artes ofrece unha selección da obra realizada por Lino Lago desde o ano 2000

O pintor Lino Lago ofrece a partir deste venres na Casa das Artes unha selección de obras realizadas desde o ano 2000 ata hoxe. Unha mostra que busca provocar unha recapacitación do vivido e do sentido, onde o meditado oficio de pintar é simplemente o final dun proceso de observación privado.

venres, 18 xan 2008
1200655168linolago.jpg
De acordo co propio autor destes cadros, pódese dicir que o máis destacado da obra de Lino Lago é a preocupación e defensa do contido, como verdadeiro motor e esencia da estética, fronte ao modo en que a mesma obra se executa, entendido este como simple propiciador de opinións ou gustos.

Lino Lago, que leva vivindo sete anos entre España e Lituania, expuxo a súa obra "O Mundo" no museo Thyssen Bornemisza xunto aos seleccionados do concurso de pintura da Fundación das Artes e dos Artistas, no que quedou en segundo posto. No xurado estaban, entre outros, Antonio López García e Eduardo Naranjo.

A primeira exposición de Lino Lago en Vigo tivo lugar en 1997 nunha sala da antiga CaixaVigo, cando aínda era estudante da Universidade Complutense de Madrid. Desde entón ten exposto en diversas ocasións dentro e fóra de España, sendo artista da galería Bredgade Kunsthandel de Copenhage. Na Casa das Artes ten exposto en tres mostras colectivas. Nunha delas recibiu o segundo premio de pintura Arte Xoven Galega, na súa edición de 1998.

A exposición "Lino Lago. 2000-2008", que se inaugura este venres ás 20.00 horas, terá un carácter especial, xa que durante os seus primeiros días o propio artista pintará un cadro de 3 x 6 metros.

A mostra poderá visitarse na Casa das Artes ata o 17 de febreiro, nos seguintes horarios: de luns a venres, de 18.00 a 21.30 horas; os sábados, de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 21.30 horas, e os domingos e festivos, de 11.00 a 14.00 horas.
1200655168linolago.jpg
1200655225linolago2.jpg
Descargar todas as imaxes