Escoitar

Benestar Social pon en marcha un programa de prevención das drogodependencias no ámbito escolar

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, presentou este venres, ao remate da reunión do Plan Local sobre Drogodependencias e outras Adiccións do Concello de Vigo, o programa de prevención das drogodependencias que se está desenvolvendo no ámbito escolar neste curso 2007-2008.

venres, 18 xan 2008
1200664777drogasreunion180108.jpg
Segundo a concelleira, que estivo acompañada pola directora da Oficina do Plan Local de Drogodependencias, Ana Cartea, este é o primeiro ano en que a asistencia ás persoas afectadas e a inclusión social dos drogodependentes se están realizando dun xeito coordinado entre todas as entidades que traballan pola erradicación das drogodependencias.

"A Concellería de Benestar Social inicia unha nova etapa, caracterizada pola aposta pola colaboración e a coordinación entre todas as entidades e sectores comunitarios, xa que é moi importante que toda a sociedade participe no fomento de hábitos saudábeis, non só respecto ás drogas prohibidas, senón tamén sobre o alcohol e o tabaco", salientou María Méndez. A concelleira explicou que exemplos desta vontade son os convenios asinados coas asociacións Érguete, Asvidal e Alborada, entre outras.

Para desenvolver os seus programas o Plan Local sobre Drogodependencias e outras Adiccións dispón dun orzamento de 150.000 euros, dos que 70.000 son achegados polo Concello de Vigo.

Dirixido ao ámbito escolar, o Plan Local desenvolve catro programas: Prevención do Consumo de Drogas na Escola, Cinensino, Obradoiros de Educación para a Saúde en Centros de Ensino e Módulo Escolar do Programa Creative.

O primeiro deles, levado a cabo pola propia oficina do Plan Local, está dirixido ao alumnado de ensino non universitario, entre os 5 e os 18 anos. O seu obxectivo é formar e xerar actitudes e comportamentos para manter estilos de vida saudábeis proporcionando información obxectiva e veraz ao alumnado.

O programa Cinensino, tamén desenvolvido dende a Oficina do Plan Local, está dirixido á poboación escolar de 1º e 2º da ESO e a súa metodoloxía consiste na proxección de películas de interese relacionadas coa prevención do consumo de drogas, sobre as que se profundiza na aula.

Os obradoiros de Educación para a Saúde en Centros de Ensino, organizadoa pola asociación Madro, están dirixido a adolescentes de idades comprendidas entre os 12 e os 18 anos. Inclúe un taller de sexualidade, outro de prevención de drogodependencias e outro sobre o VIH-SIDA, de 50 minutos de duración cada un e realizados no propio centro de ensino.

Finalmente, o Módulo Escolar de Programa Creative, desenvolvido por Alborada, está dirixido ao alumnado de ESO e Bacharelato, co obxectivo de pór á súa disposición instrumentos para a toma de decisións responsables respecto ás drogas.

Ademais, o Plan Local contempla dous programas dirixidos aos profesionais da docencia e aos pais e nais. Por unha banda, o Módulo Escolar do Proxecto Creative para pais, nais e profesorado de 3º e 4º da ESO e 1º e 2º de Bacharelato, ciclos formativos e Programa de Garantía Social consta de dúas sesións de dúas horas nas que se facilita información sobre as drogas. Por outra, o Programa de Formación de Orientadores e Profesionais de Centros de Ensino está dirixido a titores e orientadores a quere dotar os profisionais da docencia das ferramentas e técnicas necesarias para fomentar no alumnado actitudes e conductas que promovan estilos de vida saudábeis.

Un terceiro eixo de actuación refírese ao ámbito comunitario. Neste sentido, o Curso de Formación de Monitores e Monitoras Voluntarios, organizado por Madro, ten como obxectivo formar en técnicas grupais para a prevención de drogodependencias, VIH-SIDA e sexualidade os profisionais do campo da saúde e das ciencias sociais. O Programa de Escolas de Nais e Pais con fillos preadolescentes (de 9 a 13 anos), quere modificar os factores de risco e protección de contorno familiar para previr o consumo de drogas mediante o incremento da información.
1200664777drogasreunion180108.jpg
1200664791drogas180108.jpg
Descargar todas as imaxes