Escoitar

Santiago Domínguez inaugura as xornadas sobre a mellora de accesibilidade e mobilidade do Casco Vello

O tenente de alcalde e responsable de Cascos Históricos, Santiago Domínguez, inaugurou esta mañá as xornadas que sobre a mellora de accesibilidade e mobilidade no Casco Casco teñen lugar este xoves e o venres no salón de actos do MARCO. Domínguez salientou a importancia de mellorar a accesibilidade do barrio antigo como factor determinante para a súa rehabilitación integral.

xoves, 17 xan 2008
1200580064marco170108.jpg
Segundo o tenente de alcalde, a frase recollida en moitas das guías turísticas existentes sobre a cidade "Para chegar ao Castro desde a beira do mar hai que dispor de condicións físicas para subir por costas e escaleiras" exemplifica "claramente" o sentido das xornadas, nas que expertos de prestixio internacional porán de manifesto os problemas específicos do Casco Vello vigués, así como as solucións plantexadas noutras cidades, como Cuenca, Toledo, Lleida, Teruel ou Perugia.

"A necesaria recuperación inmobiliaria do noso casco antigo ten que ir parella con outras actuacións que contribúan a encher de vidas esas rúas, hoxe valeiras de actividade, e tamén incidan na mellora da calidade de vida dos seus veciños e veciñas. O reto é facer que a xente volte ao Casco Vello a vivir, pero tamén a gozar do seu tempo de lecer, a ir de compras ou a facer xestións", sinalou o responsable de Cascos Históricos, quen explicou que o illamento deste barrio vigués vén dado polo deterioro urbano, acumulado nos moitos anos de abandono e desinterese polo barrio, pero "tamén ten moito que ver o feito de que a orografía do Casco Vello ofrece problemas de accesibilidade". E precisamente, segundo Santiago Domínguez, "unha das medidas fundamentais para a recuperación integral dos barrios históricos é a mellora da accesibilidade".

Neste sentido, o tenente de alcalde agradeceu o apoio da Consellería de Vivenda para levar a cabo esta tarefa e sinalou que aínda que non é posible modificar a orografía, "si podemos empregar o que a tecnoloxía nos ofrece para transformar o que agora son debilidades en fortalezas, convertíndoas nun elemento singular que favoreza o desenvolvemento do barrio".

O responsable de Cascos Históricos asegurou que o concurso público que o Consorcio do Casco Vello vén de convocar para realizar a conexión transversal do Berbés, o Paseo de Alfonso e o Castelo de San Sebastián "vai contribuír de xeito decisivo á recuperación e transformación do barrio nun contorno dinámico, atractivo e amable". Ao respecto, Salvador Fraga, presidente do Colexio de Arquitectos, adiantou que un centenar de equipos de arquitectos amosaron xa o seu interese para participar no concurso de ideas.

Accesibilidade, seguridade, comodidade e reordenación do contorno son os criterios que seguirá o xurado para decantarse por unha proposta determinada. No tocante á seguridade, o deseño debe incluír pequenos equipamentos como quioscos e oficinas de información, así como permitir unha completa iluminación nocturna. Os ascensores, que deberán contar con videovixilancia e conexión coa Policía Local, terán unha capacidade de oito a 10 persoas e unha velocidade que supoña un tempo de saída e de entrada de dez segundos para cada operación. Deste xeito, poderíase obter una capacidade de 900 persoas cada hora. A reordenación do Castelo de San Sebastián incorporará corredores de menor pendente integrados no parque, de xeito que se producirá unha modificación nos usos da planta baixa do Concello de Vigo.

A inauguración das xornadas este xoves no MARCO contou coa presenza da directora xeral de Fomento e Calidade da Vivenda de la Consellería de Vivenda, Encarna Otero, en representación da conselleira de Vivenda.
Descargar todas as imaxes