Escoitar

A Concellería de Igualdade incentivará os centros de ensino para promover unha educación non sexista

Os centros de ensino primario e secundario públicos e privados concertados de Vigo que desenvolvan actividades destinadas a favorecer unha educación non sexista durante o presente curso poden optar a algún dos incentivos que neste sentido ofrece novamente a Concellería de Igualdade.

mércores, 16 xan 2008
1200494393igualdade160108.jpg
A mellor idea será premiada con 1.000 euros e o recoñecemento público do Concello, e ademais existe a posiblidade de que se outorguen dous accésits de 500 euros, segundo explicou a concelleira de Igualdade, Iolanda Veloso, este mércores durante a presentación desta iniciativa municipal, que ten por lema "Colle a onda da igualdade". Veloso aclarou que os premios deberán ser investidos en novas actividades educativas non sexistas durante o vindeiro curso.

Calquera actividade ou medida tendente a unha educación non sexista desenvolvida durante este curso 2007-2008 pode servir para presentarse a esta convocatoria. De todos os xeitos, e a modo orientativo, a Concellería de Igualdade propón unha serie "non excluínte" de actuacións. Entre elas, medidas para que os alumnos e alumnas reparen na visibilidade de homes e mulleres nas esferas pública e privada, coñezan o papel destacado dalgunhas figuras femininas en diversos ámbitos ao longo da Historia ou conmemoren datas sinaladas para a igualdade entre homes e mulleres, como o Día da Muller Traballadora ou o Día contra a Violencia de Xénero.

Outras actuacións propostas son a eliminación de linguaxe sexista en rótulos, listaxes e documentación do centro; a promoción de actividades deportivas mixtas; a elaboración de unidades didácticas, actividades ou outras iniciativas que favorezan a igualdade de oportunidades, e a promoción dunha orientación laboral non sexista.

O prazo para presentarse a esta convocatoria, aberto xa, finaliza o 30 de abril. Durante este período, os centros que aspiren a algún dos premios poden presentar tanto as súas solicitudes como a memoria das súas actividades. "Todas as propostas que cheguen dos centros serán atendidas", asegurou Iolanda Veloso, quen adiantou que en maio a Concellería de Igualdade decidirá cales son os galardoados.

A concelleira salientou a importancia desta iniciativa para "incidir na educación en igualdade nos centros", conseguindo así "traballar desde a base" de cara á modificación da actual situación de desigualdade entre homes e mulleres.
Descargar todas as imaxes