Escoitar

A festa da Reconquista de Vigo presentarase por primeira vez na Feira de Turismo de Madrid

Por primeira vez, a festa da Reconquista de Vigo terá o seu espazo na Feira de Turismo de Madrid (FITUR), que se celebrará do 30 de xaneiro ao 3 de febreiro no recinto feiral madrileño, segundo anunciou este mércores o tenente de alcalde e responsable de Cascos Históricos, Santiago Domínguez. Domínguez sinalou que a festa deste ano, que terá lugar os días 29 e 30 de marzo, servirá para "preparar a celebración do Bicentenario do 2009".

mércores, 16 xan 2008
1200491105reconquista160108.jpg
"Satisfáceme anunciar que este ano a festa da Reconquista vai ter presenza en FITUR por primeira vez", manifestou Santiago Domínguez, quen tamén adiantou que esta presenza será levada a cabo cos carteis gañadores do concurso correspondente á festa deste ano, no que o primeiro premio, dotado con 600 euros, foi para a obra "Sempre valerosa cidade de Vigo", de Evaristo Pereira de la Torre. Os dous accésits foron para "Nova luz", de José Antonio García López, e "Xan Rei", de Pablo Leirós Gómez.

O responsable de Cascos Históricos anunciou, así mesmo, que o concurso que se convocará con motivo da celebración do Bicentenario caracterizarase polo "importante" incremento da dotación económica dos premios, polo que, segundo Henrique Macías, presidente da Asociación de Veciños do Casco Vello, se traballará durante o último trimestre de 2008 para ter todo preparado "con moita antelación", xa que será un ano "moi especial".

O presidente da asociación de veciños do Casco Vello quixo agradecer o apoio atopado na Tenencia de Alcaldía e na Concellería de Cultura para preparar a festa da Reconquista de 2008. "Quero expresar o meu agradecemento ao Concello porque está a tomar en serio a Festa da Reconquista, que é a festa de todos os vigueses e as viguesas", sinalou Macías, quen tamén fixo fincapé no feito de que por primeira vez a cidade faga promoción da súa festa en FITUR.

Por outra banda, no acto foron presentadas as bases para a instalación dos postos do mercadillo durante os dous días de duración da festa, aprobadas pola xunta directiva da asociación de veciños do Casco Vello. Nelas específicase que terán preferencia as asociacións veciñais, os colectivos de interese social, as agrupacións flolclóricas, as agrupacións deportivas, os autónomos e as empresas, por esta orde. Indícase, ademais, que as persoas que estean atendendo os postos deberán estar vestidos de acordo coa época (1809), ou co traxe tradicional galego, aínda que os elementos ornamentais para colocar en cada posto serán achegados pola propia organización. As bases indican, ademais, que o sábado 29 a festa rematará ás 00.00 horas, mentres que o domingo o remate será ás 22.00 horas, polo que os postos deberán recollerse ás 10.30.

Finalmente, o tenente de alcalde tivo unhas palabras de lembranza para os dous falecidos no accidente de tráfico da madrugada do pasado sábado, Loli e Manolo, activos colaboradores da asociación do Casco Vello. "Este ano a Festa da Reconquista terá dúas caras, e unha delas terá que ser máis brillante que nunca, dedicada a eles dous. Será a festa de lembranza de dúas persoas que por desgraza non se poderán volver a vestir de galega e francés", manifestou Santiago Domínguez. "A perda estase a notar xa na organización do Entroido e na Reconquista, porque sempre estaban colaborando", sinalou Henrique Macías ao respecto.
1200491105reconquista160108.jpg
1200491116reconquista160108b.jpg
1200491128cartel160108.jpg
1200491139carteis160108.jpg
Descargar todas as imaxes