Escoitar

O Concello creará un departamento transversal de accesibilidade e mobilidade en 2008

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, anunciou este xoves a creación dun departamento de accesibilidade e mobilidade transversal a todas as concellerías, despois da reunión mantida polo Consello Local de Accesibilidade, no que tamén participaron o concelleiro de Tráfico e Seguridade, Xulio Calviño, representantes da Policía Local, e do Colexio de Arquitectos e do Colexio de Aparexadores, así como a xefa se servizo de Tráfico.

xoves, 17 xan 2008
1200580477accesibilidade170108.jpg
O obxectivo desta iniciativa é "acadar unha visión global das necesidades e problemas que neste sentido presentan os distintos colectivos", segundo manifestou a concelleira, aínda que si hai demandas ás que xa se lle pode dar resposta, como as referidas ao mobiliario urbano. "Queríamos contar coas opinións do Consello Municipal para coñecer de primeira man os problemas de accesibilidade e mobilidade que hai na cidade e as cuestións que xa estaban plantexadas pero que aínda non se resolveron no mandato anterior", explicou María Méndez.

Os representantes dos diversos colectivos plantexaron diversas demandas, como as referidas aos buses e taxis adaptados. No primeiro caso, dun total de 116, só 36 están dotados con rampas telescópicas, ás que se sumarán 25 esta semana, e 12 contan con rampas manuais. O obxectivo consiste en que paulatinamente todos os buses teñan rampas telescópicas e que os usuarios dispoñan da información necesaria para coñecer en que liñas funcionan os autobuses adaptados en con que frecuencias.

Ao respecto, a concelleira sinalou que xa hai unha petición dirixida a VITRASA para que todos os vehículos da liña circular cumpran cos requisitos da accesibilidade. En canto aos taxis, María Méndez indicou que actualmente existen catro adaptados, dos máis de 500 que existen na cidade.

A concelleira tamén subliñou a necesidade de levar a cabo "campañas de sensibilización sobre o emprego dos aparcadoiros reservados", para que as persoas que non teñen discapacidade eviten aparcar neles, segundo denunciaron varios representantes dos colectivos presentes na reunión.

Outro aspecto tratado refírese a falta de adaptación de mobiliario urbano, como algunhas marquesiñas, ou a instalación de máquinas expendedoras de tarxetas de aparcamento en rúas estreitas que impiden o paso de cadeiras de rodas. Outro problema detectado refírese á falta de accesibilidade nalgúns edificios públicos e doutros privados, como as cafeterías.

"En todo Vigo existen arredor de 13.000 persoas con problemas de accesibilidade, pero todos e todas podemos ter este tipo de dificultades de xeito temporal nalgún momento das nosas vidas", sinalou a concelleira de Benestar Social, quen fixo referencia ás nais e pais con carros de bebés. "Nalgúns casos, solucionar estas cuestións non é un problema de cartos, senón de sensibilidade, polo que é preciso entender a cidade doutra forma", manifestou María Méndez,. Neste sentido, a concelleira loou o proxecto posto en marcha polo tenente de alcalde e responsable de Cascos Históricos, Santiago Domínguez, e a Consellería de Vivenda para o Casco Vello da cidade.
Descargar todas as imaxes