Escoitar

A Fonte do Paseo de Alfonso, do século XIX, posta en funcionamento tras a súa restauración

O tenente de alcalde e responsable de Cascos Históricos, Santiago Domínguez, asistiu este venres á posta en funcionamento da restaurada Fonte do Paseo de Alfonso, construida a finais do século XIX e que levaba máis de catro anos sen auga. A concelleira de Patrimonio Histórico, Elena Maure, ao pouco de asumir a súa responsabilidade, iniciou as xestións para recuperar a fonte, como unha das actuacións que o seu departamento está desenvolvendo para recuperar o noso patrimonio.

venres, 18 xan 2008
1200665553fonte180108.jpg
"Este é un exemplo do noso interese por atender as cousas pequenas, que tamén forman parte da cidade", salientou o tenente de alcalde, quen sinalou ademais que moitos veciños non entendían como era posible que unha fonte levara máis de catro anos sen botar auga.

Na súa intervención, Domínguez gabou o interese da concelleira pola recuperación do patrimonio e indicou que o orzamento da recuperación desta fonte, unha das máis antigas da cidade, roldou os 5.000 euros. As obras realizadas na rehabilitación consistiron na limpeza do vaso, substitución das canalizacións, impermeabilización do vaso, iluminacion ornamental coa instalación de catro proxectores que antes non tiña, e instalación dunha bomba con circuíto pechado de auga e unha sonda de mínimos e máximos que determina o caudal e a altura mínima á que debe estar o nivel de auga para que a fonte funcione correctamente.

"A instalación, nas súas orixes, non incluía as pezas inferiores, xa que éra unha fonte de servizo, é dicir, para abastecemento da veciñanza", explicou Santiago Domínguez. Foi xa arredor da década dos setenta cando se transformou nunha fonte ornamental e se lle incorporaron estes elementos. A pesar destes cambios a fonte mantense no seu lugar orixinal desde a súa construción, constituíndo un dos elementos máis antigos do Paseo de Alfonso, máis antiga aínda que o Olivo.

O paso do tempo deteriorou os elementos cos que foi construida, basicamente canalizacións de ferro fundido, o que xerou a obturación das destas. Na década dos noventa fíxose unha primeira rehabilitación, cambiáronse as tuberías e conectouse a fonte á rede de abastecemento da cidade. Pero como consecuencia de problemas xerados polas urbanizacións do contorno as conexións de auga quedaron danadas, polo que nos últimos catro anos a fonte permaneceu inutilizada.
Descargar todas as imaxes