Escoitar

Concello e Zona Franca asinan tres convenios básicos para a aprobación do Plan Xeral

O alcalde, Abel Caballero, e o delegado de Zona Franca, Francisco López Peña, asinaron este luns tres convenios que serán desenvolvidos a partir da aprobación do novo Plan Xeral. Son os do novo polígono industrial de Matamá-Valadares, o da ampliación do Parque Tecnolóxico e Loxístico de Vigo e o do ámbito de actuación urbanística de Guixar.

luns, 17 dec 2007
1197901188zonafranca171207.jpg
A sinatura destes tres convenios "forma unha base substancial para a aprobación do Plan", afirmou Abel Caballero, dada a necesidade de máis solo industrial e a importancia do ámbito de Guixar. O alcalde sinalou que o traballo conxunto do Concello e de Zona Franca nos últimos meses consistiu en "facer viables estes convenios", xa que, como sinalou Francisco López Peña, a súa redacción "era bastante ambigua". Así, o delegado de Zona Franca asegurou estar "encantado de asinalos", unha vez que existe a "garantía de que son viables económica e xuridicamente".

Un dos problemas que se presentaban para a sinatura dos convenios era o referente á disposición de terreos no polígono industrial de Matamá para empresas situadas en Beiramar. Para Abel Caballero, o acordo entre o Concello e Zona Franca "garante o traslado de acordo coa lei", dándolle preferencia ao mesmo tempo ás empresas que actualmente están en Beiramar.

Este convenio e o da ampliación do Parque Tecnolóxico e Loxístico de Vigo eran, en palabras do alcalde, "de imprescindible sinatura" para a economía da cidade, xa que con eles crece de maneira considerable a superficie de solo industrial dispoñible no termo municipal. Francisco López Peña congratulouse por estes acordos, afirmando que "imos poder poñer máis solo industrial ao servizo das empresas de Vigo". En conxunto, o delegado de Zona Franca cualificou a sinatura dos tres convenios de "paso adiante" para a aprobación do Plan Xeral.

Neste sentido, Abel Caballero indicou que o contido do PXOM "está cerrado" e que espera que o Goberno local entregue o documento definitivo aos grupos políticos municipais e aos colectivos da cidade "nun par de días".
Descargar todas as imaxes