Escoitar

Catorce clubes deportivos vigueses de primeiro nivel promocionarán a candidatura da cidade á Universiada

Representantes de 14 entidades deportivas viguesas de primeiro nivel asinaron este venres, en presenza do concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, unha carta de adhesión á candidatura de Vigo como cidade aspirante a sede da Universiada de Verán de 2013.

venres, 14 dec 2007
1197648737universiada141207.jpg
A carta de adhesión á candidatura de Vigo forma parte dun convenio de colaboración entre a Fundación Vide (Vigo Deporte) e os 14 clubes, polo que estes se comprometen a pór a imaxe e os medios propios dos seus equipos de máxima categoría á disposición do proxecto. Deste xeito, a candidatura viguesa será promovida en máis de 40 cidades españolas ata o próximo 11 de marzo. Nesa data o Consello Superior de Deportes fará o corte estatal para decidir se é Vigo ou Murcia a cidade que representa a España a nivel mundial na carreira pola organización da Universiada.

A adhesión dos clubes ao proxecto de candidatura vigués parte da afirmación, recollida na carta, de que "a celebración dos Xogos Mundiais Universitarios suporá para Vigo e Galicia un significativo impulso, tanto no deportivo como no cultural, económico e social".

A cambio do cumprimento do seu compromiso, os clubes recibirán unha cantidade global de 40.000 euros. A Fundación Vide achegará a cada un dos primeiros equipos o vestiario, pancartas e obsequios promocionais, que serán exhibidos e entregados aos medios de comunicación, así como aos equipos rivais, nas competicións que nas que participen os conxuntos ata o 11 de marzo de 2008.
Descargar todas as imaxes