Escoitar

O tenente de alcalde inaugura a carpa promocional "O comercio móvese"

O tenente de alcalde e concelleiro de Comercio, Santiago Domínguez, e a directora xeral de Comercio, Ana Rúa, inauguraron este venres a carpa itinerante "O comercio Móvese", que nos últimos tres meses percorreu diferentes concellos da provincia promocionando o comercio de proximidade e fomentando o asociacionismo comercial.

venres, 14 dec 2007
A carpa, que pecha mañá sábado na nosa cidade o seu percorrido, foi impulsada polo Foro Galego do Comercio e contou co apoio da Consellería de Innovación e Industria. Ata o de agora foi visitada por máis de 30.000 persoas.

Santiago Domínguez salientou a importancia que iniciativas deste tipo teñen para un sector que "sen dúbida algunha é un elemento fundamental para crear tecido social. Temos a clara convicción de que cada euro que se inviste no pequeno e mediano comercio é un euro que recupera a cidade". O tenente de alcalde dixo que tanto a Concellería de Comercio como a Dirección Xeral de Comercio "temos iso claro e polo tanto a nosa aposta é firme pola súa promoción".

Pola súa parte, a directora xeral de Comercio, Ana Rúa, explicou que o lema elixido, "O comercio móvese", é significativo do que está acontecendo co sector e sinalou que nesta nova dinámica teñen influído as novas políticas de apoio ao sector iniciadas nos últimos tempos desde a Consellería de Industria e Innovación.

A carpa estará instalada ata mañá na praza de Maruja Mallo, no Calvario. Haberá visitas guiadas á exposición e actividades para os máis cativos.