Escoitar

O Goberno local aproba axudas ao emprego por un importe de 120.000 euros

O Goberno local decidiu este luns conceder axudas por un importe conxunto de 120.000 euros a un total de 62 solicitantes, no marco do Plan Municipal de Emprego 2004-2007. O obxecto destas subvencións é fomentar as iniciativas de autoemprego e a creación de empresas como posibles alternativas ao traballo por conta allea.

luns, 17 dec 2007
Tamén na área de Promoción Económica e Emprego, a Xunta de Goberno Local aprobou, na súa reunión deste luns, a concesión de dez subvencións por un importe total de 22.800 euros dentro da convocatoria de axudas para actividades e accións co obxecto de desenvolver o Plan de Calidade Turística de 2007.

Ademais, foron concedidas outras cinco subvencións por un importe de 10.700 euros dentro da convocatoria de axudas municipais á contratación de 2007, parte tamén do Plan Municipal de Emprego 2004-2007.

Escola infantil da rúa Palencia

Por outra parte, a Xunta de Goberno aprobou o proxecto de convenio de cooperación entre a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e o Concello de Vigo para a finalización das obras de construción da escola infantil municipal da rúa Palencia. O Concello achegará o 20% do orzamento destes traballos, que ascende a 15.500 euros, mentres que a Vicepresidencia fará fronte ao 80% restante, ou sexa, 62.000 euros.

Así mesmo, o Goberno local deu o seu visto bo a outro proxecto de convenio de colaboración, desta vez entre o Concello e a Asociación de Persoas Xordas de Vigo. A finalidade deste convenio é a prestación de servizos de intérprete de lingua de signos a todas as persoas xordas e asociacións de Vigo que o precisen durante 2008. O Concello achegará 6.000 euros para o desenvolvemento deste acordo.