Escoitar

Benestar Social achega 90.000 euros a Érguete para a prevención das drogodependencias e a inclusión social de toxicómanos

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, e o presidente da asociación de axuda ao toxicómano Érguete, Manuel Álvarez Vilar, asinaron este luns un convenio de colaboración para o desenvolvemento de diversos programas de prevención das drogodependencias. A contía do convenio ascende a 90.000 euros, repartidos a partes iguais entre as anualidades de 2007 e 2008.

luns, 17 dec 2007
1197900665erguete171207b.jpg
Segundo explicou María Méndez, "trátase dun dos acordos máis importantes que asina Benestar Social cunha entidade sen ánimo de lucro", xa que servirá para "mellorar o programa que se viña desenvolvendo" cunha maior coordinación entre as entidades que forman parte do Plan Local de Drogas, iniciado hai dez anos polo Concello.

Mediante o convenio asinado este luns, Érguete porá en marcha un programa de prevención dirixido aos centros educativos e que contará coa colaboración da Policía Local. Neste sentido, a concelleira manifestou a importancia de que a prevención se desenvolva en "todos os ámbitos da sociedade".

Ademais, en virtude deste convenio, Érguete poderá seguir xestionando dous dos tres pisos que emprega para desenvolver os seus programas de integración. "É fundamental que toda a sociedade tome conciencia da importancia de integrar as persoas con problemas de drogodependencia", sinalou a concelleira de Benestar Social, para o cal os programas que se poñen en marcha contan con psicólogos, terapeutas e diverso persoal especializado, coa finalidade de que os usuarios e usuarias destas iniciativas "poidan aprender a desenvolver hábitos e capacidades".
Descargar todas as imaxes