Escoitar

"Unha ría de sons e de ilusións", lema da programación deste Nadal

Actividades xa tradicionais como o acendido do alumeado, a Cabalgata de Reis, o Concurso de Rondallas e as visitas do carteiro real mestúranse no programa deste Nadal con novidades como maxia e xadrez para nenos e unha pista de xeo que por primeira vez está situada ao aire libre.

martes, 4 dec 2007
1196779675nadal041207.jpg
A programación deste Nadal, que ten por lema "Unha ría de sons e de ilusións", está "pensada para todos os segmentos de poboación e para todos os gustos", afirmou o tenente de alcalde, Santiago Domínguez, durante a súa presentación este martes no Concello, nun acto no que estivo acompañado polo concelleiro de Festas e Animación Sociocultural, Xesús López.

Dentro xa da programación de Nadal inaugurouse o pasado sábado a pista de xeo no contorno do Auditorio de Castrelos, o que xa constitúe unha novidade pois é a primeira vez que se sitúa ao aire libre. Esta pista de xeo permanecerá aberta ao público durante os meses de decembro, xaneiro e febreiro.

O día 10 iniciarase o prazo para que os nenos e nenas que así o desexen participen no concurso "Vente cos Reis Magos", que como cada ano permite aos elixidos subir ás carrozas da Cabalgata de Reis. O prazo remata o 19 de decembro e o sorteo será o día 21 na Casa do Concello.

Por outra parte, e como estaba anunciado, o alumeado deste Nadal acenderase este ano na zona peonil do Calvario, o mércores 12 ás 19.30 horas, dando o pistoletazo oficial ás festas. Outra cita clásica destas datas, o Concerto de Nadal, terá lugar no Teatro do Centro Cultural Caixanova o mércores 26 ás 20.30 horas. Actuarán as corais polifónicas do Real Club Náutico e do Centro Veciñal e Cultural de Valadares e a banda de música da Unión Musical de Valadares.

Precisamente no terreo da música están situadas algunhas das novidades máis destacadas deste Nadal, cun ciclo de panxoliñas composto por seis actuacións do 23 ao 30 de decembro en diversos puntos do municipio a cargo de corais polifónicas e un ciclo de catro concertos conxuntos de corais polifónicas e bandas de música, do 22 ao 29 de decembro no Auditorio do Concello. A isto hai que sumar os ciclos de concertos de decembro en barrios e parroquias a cargo de bandas de música e de novembro e decembro a cargo de corais polifónicas.

Pensando nos máis pequenos, o programa de Nadal inclúe tamén como novidades partidas simultáneas de xadrez con xogadores expertos, o sábado 15 na praza do Rei, e o "Nadal Máxico ‘07", coas actuacións do Mago Antón, do Mago Marttyb, Cayetano Lledó, o Mago Romarís e o Mago Vituco o domingo 16 no Auditorio Municipal. Outra novidade para nenos e nenas relacionada coa maxia é a Carpa Máxica do Carteiro Real, que ofrecerá actividades de animación, contacontos, obradoiros e ciclobibliotecas na praza do Rei do 26 ao 30 de decembro e do 2 ao 5 de xaneiro.

Tamén para os nenos e nenas, o IFEVI volverá acoller, do 26 ao 30 de decembro, o parque de ocio Vigolandia, con obradoiros, inchables e un tren infantil. Ademais, terán lugar no Pavillón das Travesas un espectáculo infantil e un outro cómico. No primeiro caso, trátase dos "Lunnies", e o segundo é o espectáculo titulado "Wanted", no que actúan os humoristas Santi Millán, Paco León, Santi Rodríguez e Toni Moog.

Completan a programación deste Nadal as clásicas citas do Concurso de Rondallas, que chegará o domingo 30 á súa 16ª edición, as visitas do carteiro real e dos reis magos e a Cabalgata do día 5, que será obxecto dunha presentación específica en datas próximas.
Descargar todas as imaxes

Máis información