Escoitar

Nelson Villalobos ofrece na Casa das Artes un percorrido pola cidade con "Pinturas"

A Casa das Artes ofrece a partir de mañá mércores a exposición "Nelson Villalobos. Pinturas", composta por 45 pezas de distintos formatos realizadas ao longo deste ano. A viaxe e a cidade, o percorrido urbano, a visión do espazo que o envolve e desenvolve son os temas que lles dan unidade a estas obras.

martes, 4 dec 2007
1196772372nelsonvillalobos3.jpg
A mostra marca o instante fugaz en que Nelson Villalobos (Cienfuegos, Cuba, 1956) se apoderou da cidade de Vigo, sentíndoa para despois completala e unificala, mediante o seu discurso máxico, en cada unha destas pezas.

O artista busca sorprender cunha exposición que reúne traballos pensados e febrilmente realizados neste 2007 que comeza a declinar. Compoñen esta mostra cinco pezas de gran formato (400 x 200 cm.), outras cinco dun formato máis pequeño (200 x 200 cm.) e 19 pezas de 80 por 100 cm., todas realizadas en acrílico sobre tea.

Ademais, a exposición inclúe unha selección da serie "Illas", conformada por 80 obras, das cales se escolleron 16. Estas pezas teñen como base o lapis e a acuarela e foron realizadas sobre cartolina.

Por ultimo, traballando con cartolina serigrafiada e intervencións de pintura, debuxos e outras imaxinacións, "Pinturas" conta coa realización, en exclusiva para este espazo, de instalacións espaciais, efémeras, traballadas a partir daquilo que o recinto expositivo lle inspirou ao artista, e que deixan constancia dunha aptitude conceptual de apropiación do espazo como materia artística.

Son destacables destes cadros o colorido agresivo, plano, xeométrico no caso dos acrílicos monumentais, así como o volume das pezas máis pequenas e a mítica, arcaica, orixinal trama das súas "illas", que constitúen deste xeito espazos circunscritos de sentimentos e ideas.

Mitoloxías urbanas

Recoñécense moitas mitoloxías urbanas nestas obras: pechos, luces, calas, reixas, espellos, pintores citadinos. Todo está impregnado de salitre, da cidade de porto, a urbe antiga e labiríntica, da herdanza dos vellos castros.

Segundo Virginia Ramírez, crítica de Arte e directora da Escola Superior de Artes Cinematográficas de Galicia, Villalobos "reconstrúe esta cidade desde a súa condición de vagabundo urbano, de cidadán de calquera cidade do mundo, de membro activo e agresivo dos ambiguos e truculentos espazos urbanos. A súa verdade reside na súa dobre condición: viaxeiro e observador. Esta é a cidade que se reflicte no seu corazón".

O percorrido que plasma en "Pinturas" é o seu diario, a maneira que el ten de comprender e interpretar Vigo. É a súa parada, o lugar desde onde espera ao espectador e á súa mirada e desde onde se prepara para partir á procura da súa illa, da súa ría, do seu espazo, do baleiro.

A exposición de Nelson Villalobos inaugurarase mañá mércores ás 20.00 horas e permanecerán na planta baixa da Casa das Artes ata o 6 de xaneiro. A mostra, organizada pola Concellería da Área de Cultura e Animación Sociocultura e a Fundación Caixa Galicia, poderá visitarse nos seguintes horarios: de luns a venres, de 18.00 a 21.30 horas; os sábados, de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 21.30, e os domingos e festivos, de 11.00 a 14.00 horas.
1196772372nelsonvillalobos3.jpg
1196772381nelsonvillalobos2.jpg
1196772417nelsonvillalobos1.jpg
Descargar todas as imaxes