Escoitar

Os construtores da provincia piden "a maior seguridade xurídica" para o Plan Xeral

O alcalde, Abel Caballero, continuou este mércores a súa rolda de contactos con distintos colectivos da cidade para explicar a situación do Plan Xeral despois da introdución dos cambios contemplados no informe que entregou a semana pasada o equipo redactor. Desta vez, Caballero reuniuse con representantes da Asociación Provincial de Empresas de Construción (APEC).

mércores, 21 nov 2007
1195653223apec211107.jpg
O encontro, que tivo lugar no despacho do alcalde e ao que asistiron tamén a concelleira e a xerente de Urbanismo, desenvolveuse nun clima "cordial", segundo afirmou Abel Caballero, quen asegurou na rolda de prensa posterior que "a concordancia de opinións foi total e absoluta". Así, a valoración por parte de APEC das modificacións introducidas no Plan Xeral foi, en palabras do alcalde, "moi positiva", ao consideraren os construtores que o novo PXOM permitirá relanzar o seu sector.

Caballero reafirmou a súa "convicción sobre a seguridade xurídica" do Plan e o seu "desexo de que se aprobe antes do 31 de decembro". Neste sentido, o alcalde sinalou que "agora estamos no momento de apurar prazos" para que o PXOM entre en vigor canto antes.

Pola súa parte, o presidente de APEC, Ángel Fernández Presas, lembrou que a súa asociación leva anos insistindo na necesidade dun novo Plan Xeral que se aprobe co maior consenso posible. Fernández Presas engadiu que "agora que vai saír adiante non imos botarnos atrás".

O presidente de APEC achacou a "palpable" desaceleración rexistrada no sector da construción no segundo trimestre deste ano á falta de planeamento urbanístico. Fernández Presas engadiu que a aprobación do Plan Xeral de Vigo permitirá paliar esta situación e dixo que, a tal fin, o novo PXOM "debe darnos a maior garantía" de seguridade xurídica. Por este motivo, Ángel Fernández Presas valorou de maneira positiva a participación na elaboración do documento dunha "consultora de prestixio", así como a "supervisión da Xunta" e o feito de que todos os grupos políticos municipais teñan cedido dalgún xeito nas súas posturas.
Descargar todas as imaxes