Escoitar

Navalia celebrará a súa segunda edición en maio de 2008

Navalia, a feira do sector naval de Vigo, celebrará en maio de 2008 a súa segunda edición, despois do éxito rexistrado en 2006. O Comité Executivo de Navalia foi recibido este martes no Concello polo alcalde, Abel Caballero, e o tenente de alcalde, Santiago Domínguez, para tratar da organización deste evento.

martes, 20 nov 2007
1195565714navalia201107.jpg
Unha vez finalizado o encontro, o presidente de Navalia e de Barreras, José Francisco González Viñas, dixo que a "evolución positiva" do sector naval nos últimos anos fará posible levar a feira "moito máis alto", dándolle o pulo que necesita para converterse nun evento internacional ao nivel dos que teñen lugar en Hamburgo, Rotterdam e Shanghai.

Polo de agora, a segunda edición de Navalia, que se celebrará os días 20, 21 e 22 de maio de 2008 no IFEVI, ten asegurada a presenza duns 150 expositores. A feira ocupará tres pavillóns do recinto de Cotogrande.

Pola súa parte, Santiago Domínguez asegurou que Navalia conta con "todo o apoio e a colaboración" do Concello, xa que representa un sector que en Vigo destaca pola súa estabilidade e contribución á economía local.

Así, o tenente de alcalde salientou que as previsións de carga de traballo do naval vigués contemplan un horizonte de cando menos catro ou cinco anos, polo que a "potencialidade de emprego" do sector fai conveniente o desenvolvemento de accións desde o Concello para promover esta opción laboral entre a mocidade.
Descargar todas as imaxes