Escoitar

O Concello asina un convenio coa Fundación Liste para potenciar a recuperación da memoria etnográfica de Vigo

"Recuperar a memoria etnográfica de Vigo e o seu patrimonio material" é, segundo o tenente de alcalde, Santiago Domínguez, o principal obxectivo do convenio asinado este mércores entre o Concello de Vigo e a Fundación Liste, presidida por Olimpio Liste. A achega muncipal, de máis de 96.000 euros, busca tamén fomentar a rede museística da cidade, resaltando o carácter complementario dos seus distintos museos.

mércores, 21 nov 2007
1195653586liste211107.jpg
"Dende o BNG queremos apostar pola recuperación do noso patrimonio e, neste eido, o Museo Liste desenvolve unha tarefa imprescindíbel", explicou o tenente de alcalde, quen subliñou a importancia que teñen as visitas que realizan os escolares ao museo "para coñecer a historia galega".

Pola súa banda, o presidente da fundación, ademais de agradecer as verbas de Santiago Domínguez, apuntou a importancia de amosar ao público a "cultura material galega", para poder entender as nosas orixes.

Este convenio enmárcase no acordo asinado no ano 2000 entre o Concello de Vigo e a Fundación Liste, clasificada de Interese Cultural no ano 1999, no que se considerou necesario fixar unha aportación económica anual entre ambas institucións para garantir o normal funcionamento do museo. Deste xeito, o Concello vén renovando anualmente este acordo para promover e difundir o patrimonio etnográfico galego.
Descargar todas as imaxes