Escoitar

Igualdade participa no programa de voluntariado de acompañamento ás mulleres vítimas dos malos tratos

A Concellería de Igualdade, dirixida por Iolanda Veloso, apoia a creación do programa "Rodela", de voluntariado para o acompañamento ás mulleres vítimas dos malos tratos, que nunha primeira fase se desenvolverá nas sete cidades galegas. A concelleira Iolanda Veloso presentou o proxecto este venres.

venres, 16 nov 2007
1195221494cascovello161107.jpg
Veloso afirmou que Vigo "parte dunha situación de certo privilexio, no sentido de que nela levamos contando dende hai anos con asociacións que apoian ás mulleres vítimas desta violencia, que teñen moito que achegar".

Os principais obxectivos desta iniciativa, na que colaboran as tres universidades galegas, son recoñecer o valor do traballo desempeñado polos voluntarios e polos particulares neste ámbito, servir de instrumento para coordinar este traballo, dotándoo das infraestruturas e a formación axeitadas, informar a sociedade sobre como participar nesta actividade e servir de acción preventiva.

A Universidade de Vigo será a encargada de deseñar o portal web do programa. A da Coruña encargarase da formación do persoal voluntario en novas tecnoloxías e a de Santiago levará a cabo a formación en materia de xénero.

A primeira convocatoria deste proxecto, que sairá publicada no DOG nos vindeiros días, está dirixida a dez asociacións das sete cidades galegas que deben cumprir unha serie de condicións, como figurar no rexistro de entidades voluntarias de Galicia e presentar dez persoas dispostas a realizar as tarefas de formación destinadas ao voluntariado. Segundo explicou a directora xeral do Servizo Galego de Igualdade, Ana Luísa Bouza, será valorado positivamente o feito de que as asociacións que opten a participar no proxecto teñan desempeñado tarefas de voluntariado no ámbito dos malos tratos.

O programa parte dunha enquisa realizada pola Vicepresidencia da Igualdade e o Benestar para coñecer cal é a actitude dos galegos e as galegas ante a violencia de xénero e con el preténdese que no mes de marzo haxa arredor de cen persoas nas sete principais cidades galegas formadas para exercer o voluntariado do mellor xeito posible.
Descargar todas as imaxes