Escoitar

Bolsas para a realización de prácticas no Departamento de Educación Ambiental de Vigozo

xoves, 15 nov 2007
Con data de 15 de novembro do presente ano publicouse no B.O.P. nº 221 a convocatoria e bases xerais de cinco bolsas para a realización de prácticas no Departamento de Educación Abiental do Organismo Autónomo Municipal Parque das Ciencias Vigozoo para o ano 2008.

Esta convocatoria realízase en virtude do establecido no artigo 28 da Lei de Bases de Réxime Local e dispocións concordantes, así como na Lei Xeral de Subvencións 38/2003.

O número de bolsas é de cinco, das que tres contarán cunha duración de 12 meses e se repartirán en 37,5 horas semanais. As outras dúas bolsas son de catro meses, cun total de 20 horas semanais.

As bolsas anuais comezarían, en principio, o día 1 de xaneiro e finalizarían o día 31 de decembro de 2008. As bolsas de catro meses irían do día 1 de marzo ao 30 de xuño do 2008. No caso de que o comezo das prácticas teña que retrasarse por algunha causa, o remate prolongarase tantos días como se teña retrasado o comezo da actividade.

O importe da convocatoria ascende a 32.000 euros. As bolsas de 12 meses teñen unha dotación individual de 9.600 euros e as de catro meses de duración, 1.600 euros.

O pagamento efectuarase por mensualidades vencidas correspondendo a cada unha delas a parte proporcional do importe total da bolsa.

As solicitudes están a disposición dos interesados nas oficinas de Vigozoo, en horario de 09.00 a 13.00 horas de luns a sábado. Tamén se poderá descargar o modelo de solicitude a través da páxina web do Concello de Vigo. O prazo de presentación de solicitudes remata o próximo 27 de novembro. As solicitudes serán presentadas no Rexistro de Vigozoo. Poderán remitirse, así mesmo, ao Rexistro, dentro do prazo anteriormente mencionado, en calquera das formas previstas na Lei 30/1992 de 26 de novembro de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Adminstrativo Común. As solicitudes deberán acompañarse da documentación requirida nas bases desta convocatoria, publicada no B.O.P. desta mesma data como anexo a esta convocatoria.

Os solicitantes poderán indicar na súa solicitude a súa preferencia polas bolsas de 12 ou catro meses. No caso de non facelo, a opción exercitarana os aspirantes elixidos por orde de puntuación.