Escoitar

A Fundación Laxeiro inaugura este venres a exposición "Facer e deixar de facer"

"Facer e deixar de facer" é o título da mostra que se inaugura este venres nas instalacións que a Fundación Laxeiro ten na Casa das Artes. A exposición combina obras dun grupo de artistas da Facultade de Belas Artes de Pontevedra en formato escultórico, audiovisual, fotográfico e pictórico, conformando un espazo no que a mestura de códigos e soportes crea un xeito de narrar heteroxéneo.

xoves, 15 nov 2007
1195132148presentacion151107.jpg
Trátase, segundo o concelleiro de Cultura e presidente delegado da Fundación, Xesús López, dun "exemplo da colaboración entre as institucións", xa que é froito dun traballo de investigación levado a cabo polo departamento de Escultura da Facultade de Belas Artes de Pontevedra en colaboración coa Universidade de Vigo.

A idea da que parte o grupo de investigación, dirixido polo catedrático de escultura da Universidade de Vigo Juan Fernando de la Iglesia, céntrase na reflexión de que sempre que se fai algo déixase de facer outra cousa. Así, pódese pensar calquera acto, en negativo, como a definición de todo aquilo que se deixa de facer. Dentro deste conxunto inabarcable de cousas que non se fan, algunhas adquiren maior preponderancia ou significado.

Pode tomarse como exemplo desta perspectiva a decisión dunha parella de arquitectos ante o encargo de remodelar unha praza dunha cidade. Ao visitárena atopan un lugar tranquilo, recollido, cuberto de árbores, con nenos xogando e anciáns conversando. Entón deciden deixar de facer esa remodelación encargada e elixen que o seu proxecto consistirá en establecer medidas de conservación e mantemento da praza tal e como está. Neste sentido, "o deixar de facer convértese nunha actividade positiva, o negarse a construír constrúe unha idea", explica o comisario da exposición, Ignacio Pérez-Jofre, profesor de pintura da Universidade de Vigo.

Con esta idea, os artistas participantes na mostra propoñen xerar proxectos que traballen desde o artístico cara ao social, que xeren metáforas capaces de cuestionar o que se fai no espazo, através dunha poética do deixar de facer, e no seu caso vencellados á provincia de Pontevedra.

Ademais do director do proxecto de investigación, Juan Fernando de la Iglesia, o grupo de artistas está integrado polo escultor e profesor titular da Facultade de Belas Artes de Pontevedra Juan Loeck e os estudantes de Terceiro Ciclo Fran Meana, Ana Seoane, Miguel Cuba, José Manuel Mouriño, Martín Rodríguez Caeiro, Carlos Aldao e Sara Fontes Cid.
Descargar todas as imaxes