Escoitar

As vacas pintadas da CowParade pastarán por Vigo a partir de abril de 2007

Ao longo dos últimos oito anos, centos de vacas veñen dando vida a diversos centros urbanos de grandes capitais como Zurich, Chicago, Nova Iorque, Sydney, Barcelona, Lisboa e Londres. En 2007 será Vigo a única cidade española que acolla nos seus espazos públicos as estatuas de vacas da chamada CowParade.

mércores, 27 set 2006
1159365861cowparadepraga.jpg
Unha estatua da performance realizada en Praga en 2004
CowParade é un movemento internacional consistente nunha performance composta por estatuas de vacas de tamaño natural, feitas de fibra de vidro e pertencentes a distintos modelos: de pé, pastando e deitadas son as máis comúns, aínda que a organización tamén admite ocorrencias artísticas como poden ser vacas voando, surfeando ou tocando o piano. Estas estatuas son en si mesmas o lenzo sobre o cal se pintan, modelan ou plasman variadas propostas artísticas.

Calquera persoa pode deseñar unha vaca para Cowparade, pero antes de ser exposta, a estatua debe ser revisada por un comité de selección que valora a vertente ética da obra. En todo caso, a proposta vai dirixida principalmente aos profesionais vigueses do sector (artistas, deseñadores, arquitectos, etc), que así terán "a oportunidade de mostrarlle a súa arte ao mundo", segundo afirmou o director executivo de CowParade Europa, Charles Langhorne, hoxe mércores durante a presentación deste evento no Concello.

CowParade naceu en Zurich en 1998 e desde entón ten percorrido máis de 40 cidades de todo o mundo. Ao longo destes oito anos, as distintas performances, patrocinadas por empresas públicas e privadas, teñen recadado miles de millóns de euros que se canalizan a través de ONG’s para financiar obras benéficas. Este diñeiro obtense grazas á poxa das estatuas que se realiza como colofón de cada CowParade. En Vigo, esta poxa levarase a cabo no mes de xullo de 2007 e nela poderíanse conseguir 200.000 euros, de acordo coa previsión feita pública pola alcaldesa, Corina Porro.

En abril de 2007, as vacas da CowParade serán colocadas "dun día para outro" en distintos espazos públicos da cidade, despois de seren pintadas nalgún lugar aínda sen determinar ao que o público poderá acceder libremente. A aparición matutina das vacas por distintos puntos do rueiro vigués será precedida por unha festa coa que se celebrará o inicio do que desde a organización cualifican como "o maior evento de arte pública" do mundo.

Aínda que o vandalismo non ten suposto un auténtico problema durante as performances de CowParade por todo o planeta, a organización do evento contará en Vigo cun "hospital de vacas" no que as estatuas poderán ser reparadas en caso de ser necesario.

Será neste hospital onde teña lugar a poxa final das estatuas, despois da celebración da festa de clausura nun lugar onde todas as vacas da CowParade Vigo 2007 serán reunidas por derradeira vez.
Descargar todas as imaxes