Escoitar

Participación Cidadá programa unha campaña para fomentar o uso de internet

A concelleira de Participación Cidadá, Marta Iglesias, e o presidente da <a href = 'http://www.avigalicia.org/'>Asociación de Voluntarios de Internet de Galicia</a>, Luis Asenjo, asinaron hoxe mércores un convenio para mellorar o coñecemento que teñen os veciños e veciñas de Vigo das posibilidades que ofrece o uso deste medio de comunicación.

mércores, 27 set 2006
1159361657internet270906.jpg
Este acordo servirá de base para a programación e desenvolvemento de actividades destinadas a fomentar o coñecemento e o uso de internet como apoio á participación cidadá. Os lugares onde se vai realizar son os centros cívicos do Casco Vello, Coruxo, Teis e Saiáns, e os centros de internet instalados polo Concello nos locais das asociacións veciñais de Candeán, Sampaio, San Andrés de Comesaña, Matamá, San Miguel de Oia, Val do Fragoso e Bouzas.

En cada un destes centros levarase a cabo nas dúas xornadas anteriores ao Día Mundial de Internet (17 de maio) unha campaña de animación para dar a coñecer á cidadanía a páxina web municipal (www.vigo.org). Ademais, durante as 17 horas que durará a campaña, os veciños e veciñas poderán aprender máis sobre a historia das súas propias parroquias e da cidade mediante o uso intensivo dos recursos que ofrece a rede.

Por outra parte, os centros cívicos e os centros muncipais de internet acollerán dous obradoiros de formación de tres horas cada un, cuxas datas aínda non foron confirmadas. No primeiro deles, os vigueses poderán ver as posibilidades deste medio como apoio á busca de emprego e familiarizarse cos portais máis importantes en campos como o da xestión do emprego na rede e o da confección de currículums.

O segundo obradoiro versará sobre os recursos telemáticos do Concello de Vigo. Os que participen nel obterán información sobre a nova relación entre a administración local e os cidadáns vigueses. Neste obradoiro prestarase especial atención ao establecemento de servizos públicos on-line e ao aproveitamento que os cidadáns poden facer das novas tecnoloxías para participar nas decisións públicas.

A programación contemplada no convenio asinado hoxe mércores completarase en decembro cunha conferencia-debate en cada un dos centros mencionados, co título "As utilidades de Internet". As conferencias-debate contarán coa participación de diferentes personalidades implicadas na sociedade da información.

Segundo Marta Iglesias, o obxectivo que persegue a Concellaría de Participación Cidadá con esta iniciativa é crear un "aliciente para que as persoas se acheguen ás asociacións e centros municipais de internet" e adquiran os coñecementos necesarios para navegar pola rede "con total normalidade".

Luis Asenjo, pola súa parte, agradeceu o "esforzo divulgativo" realizado polo Concello para facer chegar as novas tecnoloxías aos cidadáns e afirmou que o acordo asinado hoxe mércores "contribúe a reducir a brecha dixital" que separa a Galicia do conxunto de España e de Europa.

O Concello achega 6.500 euros para a realización deste convenio.
Descargar todas as imaxes