Escoitar

Cita internacional para o sector do conxelado en Vigo

A oitava edición da Feira Internacional dos Produtos do Mar Conxelados Conxemar 2006 abre as súas portas o próximo día 3 de outubro no Recinto Feiral de Vigo. Prevese que a visiten arredor de 35.000 profesionais do sector.

martes, 26 set 2006
1159269696conxemar.jpeg
Imaxe de Conxemar 2005
Conxemar é unha das máis grandes feiras do mundo especializada en produtos do mar congelados. A súa organización corre a cargo da Asociación Española de Almacenistas, Transformadores, Importadores e Exportadores de Produtos da Pesca e Acuicultura, que intenta posibilitar con esta iniciativa un encontro profesional e de carácter internacional.

Conxemar 2006 contará con 600 expositores (50 más que en 2005) nunha superficie de 32.000 metros cadrados. Prevese que visiten a feira arredor de 35.000 profesionais durante os tres días que durará, o que dá unha idea da importancia que veu adquirindo esta cita desde 1999, cando na súa primeira edición reuniu 85 expositores.

Ademais, a presenza internacional en Conxemar é cada vez máis relevante. Do total de expositores, máis de 400 son españois e 170, estranxeiros, na súa maioría europeos, pero tamén asiáticos, africanos e americanos. Empresas do Brasil, EEUU, Perú, Canadá, Arxentina, Colombia e Ecuador, de China e Vietnam, de Senegal e Sudáfrica, estarán presentes este ano en Conxemar xunto con compañías europeas e expositores españois.

Conxemar 2006 contará, así mesmo, coa presenza de organismos e institucións oficiais, autonómicos, nacionais e internacionais.

A feira prevé superar os 700 millóns de euros de volume de negocio xerados na pasada edición, así como os beneficios que a súa celebración deixou en Vigo, en especial no sector servizos.

A pesar da súa curta traxectoria, Conxemar converteuse en cita obrigada para os empresarios do sector. A profesionalidade e o seu carácter internacional marcan a pauta deste evento, que está consolidado xa como un referente para o mercado.

Paralelamente ao desenvolvemento da oitava edición da feira, celebraranse unhas xornadas técnicas e mesas redondas de I+D+I no sector da industria da transformación e comercialización dos produtos do mar. Tamén no marco de Conxemar terá lugar o encontro internacional "Eurofish Vigo 2006", un foro de negocios que forma parte do programa comunitario Al Invest, no que participarán máis dun cento de empresas do sector dos produtos do mar conxelados.

Ademais, Conxemar celebrará a terceira edición do concurso de creación artística, que pretende fomentar a creación artística vinculada co mundo mariño e pesqueiro e que repartirá 11.000 euros en premios.
Descargar todas as imaxes