Escoitar

Conformidade co informe do Concello sobre o Plan de Usos do Porto

O Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo prestou conformidade hoxe martes ao informe do Concello sobre os aspectos urbanísticos do Plan de Utilización de Espazos Portuarios (PUEP) da zona de servizo do Porto de Vigo. A decisión foi adoptada grazas aos votos favorables do PP e a abstención dos restantes grupos.

martes, 26 set 2006
1159277508puep.jpg
O portavoz do PP, José Manuel Figueroa, manifestou que o Goberno local ten unha "opinión clara" sobre o futuro do Porto, froito da vontade de que "creza, tome as súas decisións e respecte as demandas da cidade". Neste sentido, cualificou de "demoledor" o informe municipal sobre os aspectos urbanísticos de "algo que evidentemente non é un Plan de Usos".

Figueroa lembrou que o Goberno municipal "non quere confrontación" e actuou desde o inicio do seu mandato con "vontade de buscar o acordo cos grupos políticos".

Mauricio Ruiz, en representación do PSdeG-PSOE, sinalou as "contradiccións" dos informes municipais sobre o PUEP e concluiu que se o Pleno da Corporación os asume virá a dicir que "ningunha das ampliacións está xustificada nin reúne condicións medioambientais".

Pola súa parte, o representante do BNG, Henrique Viéitez, definiu o PUEP como "relatorio de superficies" onde non se reflicte "o que quere o Porto", polo que "seguimos demandando", dixo, un Plan Director de Infraestruturas.

Finalmente, Manoel Soto, do PG, afirmou que "ten que haber unha posición política" por parte do Concello para que Vigo teña "un porto novo" que o convirta en cabeceira das autoestradas do mar e onde os espazos públicos "teñen que medrar de maneira exponencial".

O acordo do Consello da Xerencia será levado ao Pleno da Corporación Municipal do próximo venres.
Descargar todas as imaxes