Escoitar

O Concello constrúe un resalte na Avenida do Fragoso como experiencia piloto

O concelleiro de Mobilidade e Seguridade, Antonio Coello, visitou hoxe luns a Avenida do Fragoso para presentar unha nova iniciativa destinada a "sosegar o tráfico": o resalte dun paso de peóns situado entre os números 34 e 45, como experiencia piloto a partir da cal se estudará a súa posible estensión a outras zonas da cidade.

luns, 25 set 2006
1159189801resalte250906.jpg
As obras de execución deste resalte inícianse hoxe luns e prevese que rematen o venres, "se a climatoloxía o permite", segundo aclarou o concelleiro. O novo paso de peóns estará situado sobre unha meseta de cinco metros de anchura perpendicular ao eixo da rúa e con sumidoiros nas esquinas. A estrutura contará con dúas rampas de entrada e saída de aproximadamente 1,70 metros e estará construída con materiais de compoñentes asfálticos. A súa presenza indicarase con sinalización horizontal e vertical de advertencia e situación.

Antonio Coello explicou que estes pasos de peóns resaltados son útiles en zonas onde existe un equilibrio entre o número vehículos e peóns, en vías de calzada non moi ancha e sen un predominio claro do número de vehículos ou peóns, zonas comerciais, áreas de paseo e espazos marcadamente residenciais. Tamén contou na elección da Avenida do Fragoso a circunstancia de ser "unha zona moi ben iluminada", segundo afirmou o concelleiro.

Antonio Coello indicou que a construción deste resalte responde a unha petición da Asociación de Veciños Val do Fragoso realizada a principios do verán. Os departamentos de Mobilidade e Seguridade e de Vías e Obras analizaron a posibilidade de levala a cabo tendo en conta información recollida pola Universidade de Vigo e experiencias previas noutras cidades, como Vitoria. Así mesmo, obtiveron o visto bo de Vitrasa ás consideracións técnicas do proxecto.

O Concello estudará a conveniencia ou non de novas actuacións similares á presentada hoxe luns en función das peculiaridades do viario vigués, o que require primeiro dar un tempo para valorar a eficacia deste paso de peóns resaltado.
Descargar todas as imaxes