Escoitar
O Consello Xeral do Plan Estratéxico Vigo 2010 reuniuse hoxe para aprobar a medida

A fundación Provigo propón un sistema de control e seguimento do Plan Estratéxico de Vigo e a súa Área Funcional

O proceso de Seguimento e Control do Plan Estratéxico de Vigo nace co obxectivo de mellorar o posicionamento competitivo de Vigo e a súa Área Funcional no Sistema Europeo de Cidades a través do impulso necesario para que se acometan as actuacións estratéxicas previstas nos 15 programas do Plan.

venres, 22 set 2006
1158929805rande220906c.jpg
Estes programas son os seguintes:

Programa 1 "Vigo, espacio metropolitano ordenado"
Programa 2 "Vigo, centro da Eurorrexión"
Programa 3 "Porto de Vigo: unha porta ao mundo, aberta á cidade"
Programa 4 "Vigo, rexión urbana en movimento"
Programa 5 "Vigo presente na economía global"
Programa 6 "Vigo emprende e crece"
Programa 7 "Vigo, saber facer"
Programa 8 "Vigo, camiño á excelencia"
Programa 9 "Vigo, un contorno de coñecemento e innovación"
Programa 10 "Vigo, un mar de emocións"
Programa 11 "Vigo en forma"
Programa 12 "Vigo crea cultura"
Programa 13 "Vigo acolledor e amable"
Programa 14 "Vigo ao natural"
Programa 15 "Mostrando Vigo ao mundo"


O Plan Estratéxico de Vigo e a súa Área Funcional, Vigo 2010, foi elaborado en 2001-2002 e aprobado polo Consello do Plan nos primeiros meses de 2003. O Plan pretende mellorar o posicionamento competitivo da Área Metropolitana de Vigo mediante un proceso sistemático de reflexión-acción que permite a análise e deseño de estratexias nun sistema participativo de anticipación innovadora.

O Goberno municipal asumiu este Plan como referencia básica para os plans operativos nos diferentes ámbitos de desenvolvemento urbano e infraestruturas, dinámica institucional e cultural, desenvolvemento e innovación e potenciación do sistema produtivo da Área.

O Plan supón un proceso dinámico en constante actualización, en función da evolución do contorno xeral e o contorno específico da Área, así como do grao de desenvolvemento das actuacións previstas. Por iso, trátase dun Plan cuxa metodoloxía de traballo supuxo a motivación, participación e implicación de máis de 1.200 axentes sociais e económicos (documentación, enquisas, mesas de diagnóstico, mesas de deseño estratéxico,…) na realización dun proceso continuo de seguimento e actualización.

Desde os últimos meses de 2004 a Presidencia do Plan acelerou a potenciación do proceso de difusión e seguimento do Plan Vigo 2010, revitalizando a Fundación ProVigo como referente básico para a intensificación do Plan Estratéxico de Vigo e a súa Área, incrementando a difusión do Plan e apoiando as iniciativas públicas e privadas nos 15 Programas, nos ámbitos de Infraestruturas e Promoción Económica, Recursos Humanos e Innovación, Benestar, Cultura e Calidade de vida e Comunicación e Marketing.

Con ese marco de referencia, no inicio de 2006 a Presidencia propuxo ao Padroado da Fundación ProVigo a formalización do Sistema de Seguimento do Plan Vigo 2010, establecéndose, co apoio do Equipo Técnico da Universidade de Vigo, un sistema de traballo que permita coñecer en profundidade a evolución dos indicadores de eficiencia e impacto relacionados con cada un dos Programas do Plan.

Ao mesmo tempo, o Sistema ten por finalidade a dinamización das actuacións previstas e, no seu caso, a inclusión de novas accións de actualización do Plan, de acordo coas decisións do Consello, de acordo cos estudos e propostas da Comisión de Seguimento, co apoio da Xerencia da Fundación ProVigo e do Equipo Técnico da Universidade.

Para esta primeira reunión do Consello, a Xerencia e o Equipo Técnico desenvolveron unha serie de traballos cuxa síntese se recolle no Informe que se distribuiu entre os membros do Consello e que supón o punto de partida do Sistema formal de Seguimento do Plan. Unha nova reunión do Consello está prevista en Outubro de 2007 e outra en Xuño de 2008, con cinco sesións intermedias da Comisión de Seguimento.

A Presidencia quere expresar o seu apoio incondicional ao desenvolvemento do Plan Vigo 2010 a través deste proceso, baseado nunha metodoloxía rigorosa que se complementa coas conclusións desta e sucesivas reunións, así como cos cuestionarios que se someten e someterán á consideración dos membros do Consello do Plan e das organizacións impulsoras e implicadas de cada un dos 15 Programas do Plan Estratéxico.

O Consello Xeral do Plan Estratéxico de Vigo e a súa Área Funcional celebrado hoxe venres foi presidido pola alcaldesa, Corina Porro, en el estiveron presentes, ademais, a Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Vigo, a Confederación Provincial de Empresarios de Pontevedra (CEP), Caixanova, o Consorcio da Zona Franca, a Autoridade Portuaria, a Universidade de Vigo, a Mancomunidade da Área Intermunicipal, os grupos políticos municipais do PP, PsdeG-PSOE, BNG e PG, así como CCOO, UXT, CIG, a Federación de Asociacións Veciñais, a Subdelegación do Goberno en Pontevedra, a Xunta de Galicia e a Deputación Provincial de Pontevedra.
Descargar todas as imaxes