Escoitar

Marcha ciclista para apoiar o Día sen Coche

As principais rúas da cidade acollerán o domingo unha marcha ciclista como actividade para celebrara o Día sen Coche que se conmemora en distintas cidades do mundo. Ademais o Concello pon a disposición dos cidadáns a gratuidade das liñas de transporte público C1,C2, Inversa e C4 durante toda a xornada do venres.

venres, 22 set 2006
O concelleiro de Mobilidade, Antonio Coello, subliñou ao respecto das actividades organizadas no "Día sen Coche" como unha mostra do "compromiso co medio ambiente" e da "política permanente de tráfico sostible" do Goberno local, baseada na busca dunha circulación de vehículos máis sosegada, a ampliación de espazos para os peóns, o incremento de prazas de aparcamento subterráneas, a modernización do transporte público e da rede semafórica e a creación de novos carrís para autobuses e bicicletas.

O domingo, día 24, as persoas que queiran participar na Marcha ciclista deberán reunirse a partir das 10:00 na Praza de Compostela, de onde sairán nas súas bicicletas ás 11:00. O percorrido da Marcha será o seguinte: praza de Compostela, Areal, O Porto, García Barbón, Policarpo Sanz, Paseo de Alfonso, López Mora, Coruña, Beiramar, Eduardo Cabello, Bouzas (onde se realizará unha parada) e de regreso á praza de Compostela por Eduardo Cabello, Beiramar, Cánovas del Castillo e Montero Ríos.

A Marcha Ciclista é organizada polas concellarías de Deportes e Mobilidade, coa colaboración de Coca-Cola, El Corte Inglés, Frutas Nieves, o Club Ciclista Vigués e PSA Peugeot Citroën.