Escoitar
COMISIÓN DE CONTROL DA CONTRATACIÓN

Aparcadoiros, ORA, mobiliario urbano e piscinas, na orde do día

A Comisión Informativa de Control da Contratación reuniuse hoxe venres para debater a creación de seis novos aparcadoiros subterráneos na cidade, o prego técnico-administrativo do concurso da ORA, os expedientes de mobiliario urbano e o concurso de xestión do servizo público das piscinas de Coia e Barreiro.

luns, 7 ago 2006
1154954078luciapiscinas070806.jpg
Sobre este último punto, a concelleira de Deportes, Lucía Molares, recordou que o obxectivo prioritario do Goberno municipal é que a empresa adxudicataria preste un servizo de calidade e a un prezo económico. A xestión das piscinas de Coia e Barreiro suporá por parte do Concello un investimento de máis de cinco millóns de euros, cantidade que poderá superar os seis millóns se, como está previsto, se introducen melloras nos proxectos presentados polas empresas concursantes.

Pola súa parte, o concelleiro de Tráfico, Antonio Coello, repasou as características principais dos futuros aparcadoiros subterráneos cos que o Concello quere atender a "crecente demanda cidadá". Estes seis aparcadoiros suporán un investimento total de 70 millóns de euros e estarán situados no Areal, Policarpo Sanz, Pintor Colmeiro, Genaro de la Fuente, Rosalía de Castro e avenida de Castelao, e sumarán en conxunto 2.900 prazas, das cales un mínimo do 20% será para residentes.

Canto ao mobiliario urbano, Antonio Coello salientou a aposta do Concello "por unha imaxe renovada da cidade" a través da tecnoloxía. Entre as actuacións anunciadas polo concelleiro nesta área destacan o cambio de "non menos de 150" marquesiñas no contorno e puntos significativos da cidade, a colocación dun "mínimo de oito" paneis de información municipal interactiva e de non menos de oito aseos públicos. Os expedientes de mobiliario urbano sairán a concurso despois de seren aprobados pola Xunta de Goberno, sen necesidade de pasar período de exposición.

Por último, a Comisión Informativa de Control da Contratación debateu o prego do concurso da ORA, que pasará a chamarse Xestión de Estacionamentos Regulados. Antonio Coello volveu resaltar a aposta do Concello pola tecnoloxía para a prestación deste servizo, que contará, entre outras condicións, cun mínimo de 12 cámaras de visión artificial, posibles zonas verdes e zonas exclusivas para residentes. O número de prazas da ORA manterase na cifra actual de 2.800.
Descargar todas as imaxes