Escoitar

Universitúa é sede do primeiro encontro universitario galego sobre asociacionismo

Un total de 36 asociacións das tres universidades galegas reúnense hoxe mércores e mañá xoves no campus de Vigo para participaren na cuarta edición da Feira de Asociacións da Universidade de Vigo (Universitúa), a cuxa inauguración acudiu a concelleira de Xuventude, Lucía Molares.

mércores, 23 nov 2005
1132757453inauguracion.jpg
A principal novidade deste ano é a celebración do primeiro Congreso Galego de Asociacionismo e Participación Universitaria, Unísono. Asociacións universitarias de toda índole porán en común en Universitúa as súas problemáticas e actividades, tentando responder, ademais, ás cuestións de cómo e por que os mozos se involucran en asociacións nun marco específico como o universitario.

Deste xeito, durante os dous días desenvolveranse diferentes mesas redondas centradas nos retos da Administración ante o tecido asociativo, así como diferentes mesas de traballo nas que se analizarán as relacións entre voluntariado e cooperación, desenvolvemento tecnolóxico, cultura e artes.

O congreso contará ademais coa participación do escritor e político, José María Mendiluce, quen ofrecerá unha conferencia o xoves na que analizará o asociacionismo como proceso de formación.

A praza Miralles do campus de Vigo encherase desde o mércores de todo tipo de exhibicións, obradoiros, postas en escena, desfiles, degustacións ou ponencias nas que poderá participar toda a cidadanía. A praza terá varios escenarios. Así, na carpa central estarán representadas todas as asociacións participantes e habilitaranse espazos anexos nalgunhas aulas do Edificio Miralles (destinadas ás proxeccións e ponencias), o Teatro Roberto Vidal Bolaño ou as instalacións deportivas, para pór en marcha todas as actividades previstas.

Na cuarta edición da feira participarán un total de 36 asociacións, das que 16 pertencen á Universidade de Vigo, 10 ás universidades da Coruña e Santiago de Compostela e as outras 10 son non universitarias.

Segundo o director xeral de Xuventude e Solidariedade da Xunta Xavier Cela, "trátase dun número importante de asociacións, que serve de termómetro para medir a calidade da sociedade. Ademais, o feito de que estean constituídas por mozos axuda a que dende a Administración queiramos fomentar e reforzar o asociacionismo porque claramente ten visos de futuro".

A Feira de Asociacións da Universidade, Universitúa, conta coa colaboración da Concellaría de Xuventude do Concello de Vigo, a Oficina Municipal de Voluntariado, Nova Xove, de Caixanova, e a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade da Xunta.

Mundialito

Pese a que Universitúa se inaugurou de maneira oficial hoxe mércores, algunha das actividades, como o Mundialito, adiantáronse a esta fin de semana. A primeira rolda puxo sobre o terreo de xogo aos equipos formados polos colectivos de inmigrantes de Perú, Brasil, Colombia, Uruguai, Paraguai e o Pobo Xitano.
Descargar todas as imaxes